Un goberno para afrontar a segunda fase da crise

Un goberno para afrontar a segunda fase da crise

07 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O catedrático de Socioloxia e profesor de Opinión Pública na Universidade Complutense de Madrid, Fermín Bouza, analizou para Radiofusiòn a remodelación do Executivo e conclúe que o presidente Zapatero deuse conta de que estamos entrando nunha segunda fase da crise e que fai falta un traballo político para explicar o que acontece á sociedade civil. Bouza entende que se debe a ese motivo o cambio de perfil dos integrantes do gab

Cos novos nomeamentos, Zapatero tentará estreitar o abismo que o separa da opinión pública, coida Fermín Bouza. Así as cousas, a Elena Salgado, como vicepresidenta económica, corresponderalle ter unha maior conexión coa xente. Tamén entende que Manuel Chaves, vicepresidente terceiro, adaptarase ben á responsabilidade de artellar as relacións entre o Goberno central e as autonomías. O sociólogo galego considera que Chaves ten bo trato coas periferias e entende o modelo de “España plural” que defende Zapatero. Pola parte que lle toca, ao profesor Fermín Bouza amólalle que a política universitaria volva a mudar de ministerio.

 

Os cambios

 

 

Marcha César Antonio Molina, pero entra José Blanco. Galicia conserva catro ministros no Goberno do Estado, pero se falamos do “peso” das carteiras, poderiamos dicir que os representantes da nosa comunidade controlan as máis relevantes: a ourensá Elena Salgado asumirá a crucial Vicepresidencia Económica e o lucense José Blanco farase cargo do Ministerio de Fomento, o que decide os maiores investimentos. O presidente do Executivo, José Luis Rodríguez Zapatero, explicou que o obxectivo da reforma é preparar ao Goberno para a loita contra a crise. A mudanza é máis profunda que un simple cambio de nomes. Hai concentración no reparto de tarefas e substitución de profesionais por xentes de marcado carácter político.

Así as cousas, saen do goberno o galego César Antonio Molina, até o de agora ministro de Cultura, e Pedro Solbes, Magdalena Álvarez, Mercedes Cabrera e Bernat Soria, responsábeis respectivamente, das carteiras de Economía, Fomento, Educación e Sanidade. Os trocos no organigrama ministerial son os seguintes: Educación incorpora Universidades, que na recente lexislatura estaba integrado en Ciencia e Tecnoloxía, e Sanidade únese a Asuntos Sociais, que dependía de Educación.

Como efectos derivados deste cambio de ministros, Manuel Chaves deixa a presidencia da Junta de Andalucía tras 19 anos no cargo  e será substituído, con toda probabilidade polo seu vicepresidente económico, José Antonio Griñán. Cómpre sinalar que, agás sorpresa, José Blanco manterá a vicesecretaría xeral do PSOE. Canda el e Salgado, Galicia mantén a dous ministros: a responsable de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa; e o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño.



 

“Anticipar a recuperación da economía e, sobre todo, do emprego e tamén favorecer a cohesión social e territorial de España”. Velaí a xustificación manifestada polo xefe do Executivo para mudar a composición e estrutura do seu equipo de Goberno. José Luis Rodríguez Zapatero repetiu con insistencia a palabra “economía” e amosou a súa confianza en que os novos ministros son os máis acaídos para ofrecer solucións axeitadas á crise e propor un novo modelo de crecemento, por suposto, “económico”.

Ao líder da oposición, Mariano Rajoy, a renovación do Goberno parécelle pouco máis que un cambio de cromos. Afeccioado ao deporte como é, o presidente do Partido Popular, tirou de símil futbolístico para expresar a súa opinión. Pouco importan os xogadores se o adestrador do equipo non muda a táctica, dixo.

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera non considera un bo síntoma que sexa preciso remodelar o Goberno só un ano despois do inicio da presente lexislatura. O nacionalista coida que a decisión recoñece, de xeito implícito, a mala diagnose do Executivo perante a crise económica, fronte á que, segundo Jorquera, non conviña “un Gabinete de perfil baixo”. O desexo do representante do Bloque, coa vista posta nas novas competencias do socialista galego José Blanco, pasa por que “se dea impulso ás infraestruturas pendentes en Galicia e que se cumpran os acordos pactados co BNG en materia de Orzamentos do Estado”.

 



 

Institucional