Un libro para interesados na mitoloxía

Noel Blanco comenta El cazador celeste, de Roberto Calazzo
16 de Decembro, 2020 - 11:01 h. | Publicada por Radio Fene

El cazador celeste está relacionado con outras obras de Roberto Calazzo que reclaman os mitos como unha necesidade de afrontar este mundo hiper tecnoloxizado. Dí o profesor Noel Blanco que Calazzo devolve ao mundo esa maxia, ese encanto que se ten perdido coa aceleración do progreso tecnolóxico desde finais do século XX.

ESCOITA O PODCAST:

"Intimo e directo" Así define o noso crítico literario Noel Blanco ao editor e autor Italiano Roberto Calazzo, á hora de comentar o seu libro El cazador celeste traducida ao español por Anagrama. Esta obra forma parte dun todo que pode lerse independentemente. O profesor mugardés na Universidade de Chicago ponnos en antecedentes sobre este grande intelectual italiano polo que sinte unha grande afinidade. "El é sobre todo un editor que fai balance entre a calidade e o mercado. Para el unha editorial ten que ser unha intervención cultural nun panorama social e político determinado". No século XX podemos pensar en grandes editores como Gallimard en Francia ou Xerais en Galicia. Roberto Calasso, segundo Blanco, plantéxase como intervir no panorama editorial italiano a través do que edita en Adelphi e do que escrebe.

El cazador celeste está relacionado con outras obras que reclaman os mitos como unha necesidade de afrontar este mundo hiper tecnoloxizado. "Devólvenos fábulas e mitos da historia clásica para devolver ao mundo esa maxia, ese encanto que se ten perdido coa aceleración do progreso tecnolóxico desde finais do século XX". Afirma o profesor Blanco que este libro é para aqueles interesados nas historias mitolóxicas, en como crean paradigmas culturais e como eses paradigmas poden explicar fenómenos máis amplos. "Unha especie de viaxe entre o humano e o invisible". Calazzo cre que existen xeitos de afrontar fenómenos culturais que non están baseados na racionalidade. O seu libro é unha mistura entre ensaio e relato. Emprega unha serie de figuras mitolóxicas para demostrar que esas historias perviviron ao longo do tempo. "El cazador celeste é unha constelación observada polos antigos que mesmo aparece nas pinturas rupestres". Roberto Calazzo di que existen sociedades que non perderon a súa capacidade de relacionarse con dimensións transcendentes do pensamento. Conclúe que o problema que temos nós é que facemos a división mito/razón. O libro está narrado nunha linguaxe poética pero moi accesible ao lector.

 

Roberto Calasso naceu en Florencia e vive en Milán. É presidente e director literario de Adelphi, unha das editoriais de maior prestixio internacional. En Anagrama publicou A ruína de Kasch, As vodas de Cadmo e Harmonía, Ka, K., O rosa Tiepolo, A Folie Baudelaire, O ardor e A actualidade innombrable, que forman parte dun vasto e ambicioso work in progress. Estes libros, que poden lerse de modo independente e que á vez conforman unha unidade coherente de pensamento e visión, constitúen unha das obras literarias máis importantes do noso tempo.

Cultura

Publica o teu comentario agora