Un libro que garda os segredos da Galicia máxica

Un libro que garda os segredos da Galicia máxica

16 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Un mar de leyendas” supón o último achegamento dos investigadores e etnógrafos Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez, ao universo mítico das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. O libro, publicado a comezos deste ano, recolle cincuenta e sete lendas ou ritos da zona, procedentes de fontes orais e acompañados con ilustracións do pintor González Collado.

“O imaxinario popular da nosa zona é amplísimo e moi rico”, afirma Esperanza Piñeiro de San Miguel. A autora de “Un mar de leyendas” asegurou a Radiofusión que todas as historias recollidas neste libro teñen en común o feito de que “se ubican nun lugar concreto e sempre teñen algunha finalidade ou agochan algunha ensinanza”. Engadiu, asemade, que “nestas lendas -que corrían o risco de desaparecer-  se amosa en realidade a alma e o saber popular galego”.

Das cincuenta e sete lendas compiladas neste libro, algunhas xa foran publicadas nun traballo anterior dos investigadores, titulado “De lenda en lenda”, un volume que acadou moito éxito e do que se esgotaron todas a edicións. Segundo Esperanza Piñeiro, éste foi o motivo polo que se fixo “Un mar de leyendas”.  

Neste novo achegamento dos investigadores á Galicia máxica, os mouros, as serpes aladas, as augas que curan e os lugares onde os desexos se poden facer realidade, son algúns dos protagonistas.
 

Sociedade