Un muíño obriga a cambiar o trazado da LU-113 entre Rozas e Abadín

Un muíño obriga a cambiar o trazado da LU-113 entre Rozas e Abadín

26 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A LU-113, que une as localidades de Rozas e Abadín, verá modificado o treito que descorre entre Moncelos e Abadín. A razón do cambio de trazado responde á necesidade de preservar un muíño que se encontra no Lugar de Corvite, que constitúe un ben patrimonial e ten un interese etnográfico e cultural para a zona.

O tramo no que se levarán a cabo as melloras proxectadas ten unha lonxitude total de 8.113 metros e presentará un ancho de calzada de 10 metros. A nova vía terá un carril por cada sentido de 3,50 metros, e beiravías a ambos lados da calzada. Ademais, levarase a cabo a restauración e integración paisaxística da zona así como a drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización e balizamento da estrada. As obras, que xa están en marcha, remataranse no segundo semestre de 2010.

 

 

As accións que se están a levar terán como obxectivo, ademais de evitar que este ben cultural se vexa afectado, mellorar o treito final da LU-113 tanto en planta como en alzado. Asimesmo, procederase a anchear a súa plataforma e instalarase a sinalización e o balizamento correspondente, co fin de conquerir unha maior seguridade viaria e diminuír os tempos de percorrido dos 32 quilómetros cos que conta a estrada.

 

Os arranxos nesta vía, pertencente á Rede Primaria Complementaria, dependente da Xunta de Galicia, contarán cun orzamento de 7,8 millóns de euros.

 

A Consellería de Medio Ambiente tamén informou de que a variación do trazado conlevará a adquisición de novos terreos mediante expropiacións. Consecuentemente, se comunicará aos titulares dos mesmos en qué grao se verán afectados e cales serán as bonificacións que recibirán. Así, o levantamento de actas previas se efectuará a partir do 22 de xullo en Abadín, na Casa do Concello, desde as 09:00 ata as 14:00 horas. Entre os afectados, poderán acudir aqueles que teñan os apelidos desde Aguiar Carracedo a García Alvariño, o 23 de xullo,  e de Gayoso Puente a Rego Díaz, na Casa Consistorial, desde as 09:00 ata as 13:00 horas do 27 de xullo.

 

Ao acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome. Deberán presentar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poden facerse acompañar pola súa conta, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios. A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Abadín e no Servizo de Estradas de Lugo (Edificio Administrativo. Ronda da Muralla, nº70).

 

Esta adaptación beneficiará aos veciños dos concellos lucenses de Lugo, Castro de Rei, Abadín, Outeiro de Rei e Cospeito, polo que máis de 110.000 habitantes verán mellorada a súa seguridade viaria.

Sociedade