Un neno temeroso e triste pasa

Un neno temeroso e triste pasa
30 de Marzo, 2024 - 12:10 h. | Publicada por

“Carlos Oroza é un poeta máxico galego, único e xenial, sen dúbida o mellor rapsoda que existe en Europa” afirmou Carlos Tena. Os seus recitais, nos anos sesenta, eran tan impoñentes, que, ao finalizar a súa intervención, saía do escenario como un toureiro. Ten o carisma do océano e unha orixinalidade sen medida. Oroza é como unha onda xigante, de consecuencias imprevisíbeis. Un poeta de estirpe oral convertido xa nunha lenda, nun ser de culto. Toda a obra de Oroza é un só poema, segundo Xabier Romero da editorial Elvira. 

ESCOITA O PODCAST:

Xabier Romero, María Xosé Porteiro, Xabier Magalhaes, Elvira Alvarez, Ana Santiago e Henrique Sanfiz conversaron sobre Carlos Oroza:

http://173.255.131.18/audio/260324OROZA.mp3

Xabier Romero de Editorial Elvira

Antón Patiño asegura  noutro fragmento do seu libro Océano Oroza que o poeta falecido en Vigo en 2015  ten todos os ingredientes para converterse nun clásico, porque xa gañou a batalla do tempo. A súa poesía define un ámbito propio, unha fusión arte-vida na que foi construíndo o seu poema total. Orixinalidade extrema e actitude radical  como características esenciais da súa entrega. Igual que a súa necesidade permanente de perfección e depuración, de reelaboración nunha vontade de estilo marcada pola oralidade e o ritmo, buscando sempre a resonancia no canto. Antón Patiño di tamén que os seus recitais poéticos foron sempre o seu modo de expresión privilexiada, polo seu carácter memorable e de acontecemento singular, porque enchía por completo o escenario en canto empezaba a recitar, a dicir, porque el, máis ca recitar, di.

Ademais de Océano Oroza, Editorial Elvira publicou tamén unha antoloxia da súa poesía Évame e un libro colectivo 100 Oroza no que cen intelectuais falan da súa relación co poeta. 

 

No seu poema Prohibido o paso inclue estes versos:

 

Un neno temeroso e triste pasa

Pasa coas súas duas vidas entre o home

É o rostro dun pobo que se limpa co xesto do tempo

 

Parecería unha descrición do que está a pasar nestes dias Palestina.

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora