Un oso panda habita en Lisboa

Un oso panda habita en Lisboa

01 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A capital portuguesa é a residencia habitual de quen pasa por ser un dos maiores talentos do pop contemporáneo: o músico americano Noah Lennox que responde ao alcume de Panda Bear. Na cidade de Pessoa reside coa súa muller e a súa filla, e a través de internet intercambia e ensambla loops e samples electrónicos cos seus compañeiros de Animal Collective.

O colectivo animal, definido por algúns críticos como o conxunto máis renovador do pop no século XXI, algo así como os Beach Boys con ordenadores e sintetizadores, facturou “Merriweather Post Pavillion”, un disco que será fixo nas listas dos mellores do ano. Hai nel unha música chea de coros e ruidiños de indistinguible procedencia pero que Panda Bear axuda a transformar en melodías cheas da luz que reflicten as augas do Teixo. Entre a Alfama e o Chiado, o exótico oso panda atopa o mellor escenario para garantir a supervivencia da música inspirada: unha especie en perigo de extinción que pasea en liberdade por Lisboa.

Cultura