Un parque inclusivo

O Concello destinará uns 40.000 euros á área de xogos
02 de Decembro, 2019 - 02:33 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello inicia as obras para dotar a Fene do primeiro parque 100% inclusivo en San Valentín, que ocupará unha superficie superior aos 223 m2, e terá capacidade para o xogo simultáneo de 32 nenos e nenas de ata 14 anos.

Antes de rematar o ano, o Concello de Fene contará co seu primeiro parque infantil 100% inclusivo, accesible a nivel motriz, sensorial e mental. O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, avanzou esta mañá o inicio da intervención, en San Valentín, nas inmediacións do pavillón, cun investimento que ronda os 40.000 euros. Constará dun xogo temático con capacidade para o xogo simultáneo de 32 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos e ocupará unha superficie duns 223 metros cadrados. Imitando nas súas formas a un gran navío, disporá dun sinfín de elementos como pasos móbiles, pasadizos de gateo, ollos de boi a diferentes alturas, paneis didácticos, complementos como catalexos, temón, tobogán ou unha plataforma inclinada de accesibilidade de integración. Así mesmo, a intervención completarase coa dotación dun columpio inclusivo para nenos e nenas con diversidade funcional.

Institucional

Publica o teu comentario agora