Un quilómetro para separar dous estados de ánimo

Un quilómetro para separar dous estados de ánimo

02 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Cando o trece de febreiro comezaba a campaña electoral, os que saltaban á area política tiñan postas as súas olladas, o seu sentir e as súas ilusións no 1 de marzo. Esperaban con ansiedade que chegasen as oito da tarde dese primeiro domingo do mes para saber se o traballo desenrolado ao longo de quince días daba resultado. Esta enerxía, empurrada a partes iguais pola adrenalina, a ideoloxía e as gañas d

Eses dous camiños se xuntaron no espazo dun quilómetro. Mil metros que separaban o Hotel Villamartín, sede do seguimento dos datos do escrutinio do PPdeG vilalbés, do Hostal Terra Chá, onde PSdeG e BNG exemplificaban a unión de forzas nunha espera conxunta dos resultados en telediarios e informativos, só separados por un tabique e unhas escaleiras.

Mentres na avenida da Terra Chá sorrisos, abrazos, risas, e parabéns compartían espazo co baile, as chamadas ao móbil e a música, na rúa Domingo Goás, os silencios, as miradas perdidas, a respiración entrecortada e as caras largas significaban o mutuo consolo dos que se senten defraudados co trato recibido.

Agustín Baamonde, deputado por Lugo do PPdeG, que repetirá papel na vindeira lexislatura, era fiel reflexo do primeiro dos casos. Éralle imposible dar dous pasos sen que alguén o abrazase ou convertese as palmadiñas nas costas ou no ombro nunha forma de exorcizar os seus sentimentos. Baamonde sabía do triunfo conseguido, máis aínda cando o fixo cunha participación histórica, o que lle da un plus de lexitimidade ao novo goberno.

“Eu creo que esta vez a xente do Partido Popular estaba tremendamente motivada e mobilizada, e penso que a importante participación veu de xente que noutras eleccións votaba ao PP e ultimamente non o facía. Creo que é unha vitoria importante, porque gañar é o primeiro, e cando se fai desta maneira, cunha maioría ampla, o goberno terá un respaldo importante e iso é decisivo para facer un bo traballo”, considerou un canso pero eufórico Baamonde.

Unha das claves, para o membro do PP, estivo na figura do seu líder, Alberto Núñez Feijóo. “Alberto Núñez Feijóo fixo unha excelente campaña e demostrou que era posible gañar en Galicia con alta participación. Soubo capitalizar as ansias de cambio que se empezaba a pedir neste país. Feijóo é un líder xoven pero con unha ampla experiencia de goberno e en áreas de xestión na administración”, estimou Baamonde, que tamén considerou claves os erros do bipartito na campaña e no goberno.

“Penso que o bipartito pagou os erros que cometeron nos catro anos de xestión e durante a campaña. Touriño e Quintana apareceron como líderes profundamente desgastados e Feijóo como un líder novo en idade e que conectou moi ben con esa xeración que está levando o peso da sociedade civil de Galicia. Aparece como un líder con ideas novas, foi un home que aportou iniciativas novidosas ao longo da campaña e, pola súa xuventude, pola súa formación e experiencia, vai a ser un gran líder para Galicia e probablemente se poida converter en referente, como o foi D. Manuel Fraga durante 16 anos, aínda que o sexa á súa maneira”, opinou Baamonde.

No outro lado da noite e da vila estaba o secretario xeral dos socialistas vilalbeses, Eduardo Vidal. A súa natureza extrovertida e próxima non ocultaba a súa decepción polo resultado. A pesar de que as enquisas auguraban un resultado apretado, desde o PSdeG había a esperanza de que “o balón caese do noso lado e que se puidese reeditar o bipartito para poder seguir gobernando a Xunta de Galicia”.

Vidal non incluíu á crise entre as posibles causas da derrota, xa que “é un aspecto que non só é en Galicia, senón que é un aspecto que se está dando a nivel mundial”. Pola contra, esgrimiu a mala rentabilidade do “traballo feito”. Para o socialista vilalbés o PSOE se dedicou demasiado a “estar moito nos despachos, a traballar a reo e a presentar proxectos e facer moitas cousas”. Pero Vidal decide ver a botella medio chea e “aprender destas situacións e non velas como un paso atrás senón seguir cara adiante e loitar para que o progresismo siga adiante na Terra Chá, en Lugo e en Galicia”.

Igual de abatida se atopaba a número catro das listas do PSdeG lucense ao Parlamento. A perda das eleccións impediu a Sonia Verdes que a súa elección coma parlamentaria supuxese unha noite completa. “Hoxe teño un sabor agridoce porque, a pesar de que saín deputada e de que melloramos o noso resultado aquí en Vilalba, perdemos as eleccións”, dixo. Sen embargo, non quixo poñer escusas e felicitou ao PP como gañador, a pesar de que “a campaña do PP non se centrou en explicar o seu programa de goberno”, aínda que afirmaba resignada que “o resultado é o que é”, antes de prometer “traballo, traballo e traballo” para a súa comarca no Parlamento galego.

A uns metros e un piso de distancia se atopaban os membros do BNG da capital chairega. O seu principal representante, o concelleiro Xosé Manuel Irimia exhibía un rostro que amosaba esgotamento e decepción a partes iguais. As súas verbas así o retrataban cando falaba de que “posiblemente o BNG durante estes catro anos cometeu erros, pero tamén tivo moitos acertos, pero os cidadáns entenderon que isto non foi así e esperemos que nun futuro isto se poida corrixir”. A campaña electoral saíu á palestra, xa que para Irimia “os únicos que explicaron o seu programa foron os do BNG”, mentres o PP “fixo unha campaña de enfrontamento constante”. Sen embargo, o abatemento tampouco chegou á súa persoa, xa que para el no BNG “somos corredores de fondo, perdemos unha etapa pero aí seguiremos”.

Todos eles seguirán aí dentro de catro anos, posiblemente volvan a estar separados polo mesmo quilómetro, as mesmas escaleiras e o mesmo tabique, pero pode que a ledicia cambie de bando, aínda que iso deberano decidir dous millóns de galegos.

Sociedade