Un tren tranvía para Vigo

Un tren tranvía para Vigo

05 de Setembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O enxeñeiro vigués Juan Álvarez Villar elaborou un completo estudo propoñendo a recuperación da antiga via férrea entre Redondela e Vigo. Actualmente cuberta polas silvas e matugueiras, representaría a oportunidade dun novo camiño de entrada na cidade olívica, que non precisaría de expropiacións, tuneis nen pontes. 

O seu proxecto contempla a recuperación das infraestruturas ferroviarias existentes para poñer en marcha un tren-tranvía que melloraría a comunicación en toda a área, sendo Redondela un dos concellos máis beneficiados. 
A iniciativa consiste na criación dunha rede de 94 kilómetros para mellorar a comunicación en transporte público aproveitando as vías ferroviarias actuais. O proxecto tería un custe de 24 millóns de euros e unha media de usuarios que roldaría os 75.000 diarios.
Asegura Álvarez Villar que un dos concellos máis favorecidos con este proxecto sería Redondela, e máis concretamente a parroquia de Chapela "cuxos veciños mellorarían as súas conexións con Vigo e co resto dos concellos da área, daríalle un plus social ao rehabilitar a vía actualmente en desuso e suporía un descenso do tráfico que circula tanto pola autoestrada como polas vías que cruzan a parroquia".
Insiste ademais en que recuperar a vía, actualmente invadida de maleza, non suporía demasiados problemas "ao estar en relativo bo estado". Reflexiona tamén en torno a outros proxectos que contemplan levantar a vía e converter ese espazo nunha senda verde "non parece que haxa ningún movemento nese sentido e sería ademais renunciar ao soño de calquera cidade: ter unha vía de entrada á cidade sen necesidade de facer grande obras ou túneles".
O proxecto, que este arquitecto elaborou coma un traballo de fin de carreira e recibiu a cualificación de sobresaínte, contemplaría habilitar dúas liñas ferroviarias en Chapela, unha cara a Guixar e outra a Urzaiz, incluíndo zona de paseo e carril bici.
Unha iniciativa que foi aprobada no pleno do Concello de Redondela do pasado mes de xullo a instancias da Asociación Veciñal de Chapela que solicitou unha serie de melloras que pasan por construír un apeadeiro na actual liña que discorre pola parte baixa da parroquia e que desemboca na estación de Guixar, así como incrementar o número de frecuencias e abaratar o billete para facelo competitivo e que se volva abrir a liña que remata na estación de Urzaiz.
Sociedade