Un verán negro para as mulleres

A cor violeta lucirá o dia 20 de setembro na fachada do concello de Fene
16 de Setembro, 2019 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

Fene adheriuse á campaña “20 S Emerxencia Feminista”, que plantea mobilizacións o 20 de setembro en todos os concellos galegos.

O triple crime de Valga fai máis necesaria que nunca a chamada “emerxencia feminista” do dia 20 de setembro, con concentracións convocadas polas organizacións de mulleres contra os asasinatos machistas.

Triple crime hoxe en Valga.

Un home matou esta mañá a tiros a tres mulleres en Cordeiro, unha parroquia de Valga (Pontevedra). Tras cometer o crime, José Luís Abet, de 41 anos, e veciño de Bertamiráns, no municipio de Ames (A Coruña), regresou ao seu domicilio, desde onde chamou á Garda Civil para confesar os feitos. Segundo as últimas noticias, Abet presentouse á primeira hora da mañá na casa da súa exesposa, Alba Fenda Gamardo, de 39 anos, onde vivía cos dous fillos da parella, de catro e oito anos. A súa irmá, Sandra, de 27 anos, e a súa nai, María Elena, de 59, chegaran alí para levar aos pequenos ao colexio, como facían habitualmente. Abet matou cunha arma corta a Alba, e posteriormente á súa excuñada e a súa exsogra. Os veciños desta aldea, cunhas 40 casas, escoitaron os disparos. Un deles acudiu á casa e puxo a salvo aos pequenos.

Fene adhirese á campaña "20S Emerxencia feminista"

O Concello de Fene adheriuse á campaña “20 S Emerxencia Feminista”, que plantea mobilizacións o 20 de setembro para alertar do incremento da violencia de xénero logo dun verán negro e un mes de xullo no que cada dous días foi asasinada unha muller en algún lugar de España ou se repetiron, de festa en festa, as violacións en manada. O pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión a esta campaña, apoiando así unha moción presentada polo PSOE. Deste xeito, o Concello de Fene participará nunha concentración como mostra do seu compromiso na loita contra a violencia machista e iluminarase de violeta a noite do 20 de setembro con este mesmo fin. Haberá tamén un pronunciamento público da corporación municipal contra toda forma de violencia contra as mulleres.

En Galicia, esta campaña está sendo promovida por organizacións como a Marcha Mundial das Mulleres, a  Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a Rede Galega pola Igualdade, o Foro Feminista Maruxa Mallo, a Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galegas e outros colectivos. (Na imaxe, Lugo, 8 de marzo 2019)

Sociedade

Publica o teu comentario agora