Unha alianza para a rexeneración cívica da sociedade galega

Unha alianza para a rexeneración cívica da sociedade galega

12 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Unha Marea Aberta podería constituirse como candidatura galega ás eleccións xerais que previsiblemente se convoquen en novembro. Trataríase de formar unha candidatura aberta á cidadanía e aos movementos sociais co compromiso de configurar un grupo parlamentario galego para defender os intereses de Galicia no futuro Congreso dos Deputados. Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Cerna,

Galicia existe e quere existir. Iso que semella unha evidencia pode que non estea tan claro alén do Padornelo. É nas institucións democráticas do Estado onde esa vontade popular, se verdadeiramente existe, debe facerse escoitar. Haberá nova convocatoria electoral no tempo do outono e nela vanse escoller as deputadas e deputados deputados para o Congreso. Até agora, os representantes galegos nas cortes facían parte de grupos maiores, mais por que non podería haber un espazo propio para as reivindicacións galegas en Madrid. Un manifesto divulgado nas redes sociais esta semana co epígrafe “Pola unión!: Galicia existe e quere existir”, reclama unha alianza aberta e participativa das forzas políticas do país para que ese espazo sexa unha realidade. Entre os promotores do texto figuran nomes como os de Agustín Fernández Paz, Suso de Toro, Xurxo Souto ou Xabier P. Docampo.

Reproducimos a seguir o texto do manifesto:

POLA UNIÓN!
Non se pode agardar máis: a unión é necesaria.

Esta é a hora na que partidos e movementos cívicos e cidadáns deben xuntar as súas forzas nun proxecto representativo común. Nun breve prazo haberá unas eleccións xerais das que sairá unha nova organización do Estado, e a unión é o único camiño para termos voz de noso. Non pode ser que a Galiza non exista no Parlamento por ela mesma, cunha voz propia que exprese os intereses da nosa sociedade e represente a nosa identidade colectiva.

A cidadanía que padece e condena as políticas antisociais, a mesma cidadanía que se opón á dependencia que perpetúa o espolio económico e humano do noso país, esixe dos partidos e movementos cívicos que se xunten a procurar os vieiros e establecer as condicións que leven á unión de todas as forzas nun proxecto nacional galego.

Un proxecto que sexa unha alianza aberta e participada directamente pola cidadanía. Todos os indicadores sinalan que esa unión de forzas desencadearía unha ilusionante rexeneración cívica da sociedade galega.

Teñan por certo que, se así o fan, as galegas e os galegos saberán recoñecer o esforzo e os sacrificios que a unión lles esixa; mais, se non o fan, eses mesmos galegos e galegas haberán de lles reclamar a responsabilidade histórica do seu desafecto á nosa nación. 

Sociedade