Unha ampliación moi demandada e necesaria

Fene inicia a ampliación do cemiterio municipal de Barallobre
15 de Decembro, 2020 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

A obra suporá incrementar a capacidade do cemiterio municipal en 378 sepulturas. O cemiterio estaba chegando ao límite da súa capacidade e con este proxecto, que quedará rematado na primeiras semanas do ano 2021. O investimento total que supera os 360.000 euros sufragados con fondos provinciais e do propio Concello.

A mediados da semana pasada comezaron a desenvolverse os dous proxectos de obra cos que o Concello de Fene ampliará en 378 nichos a capacidade do cemiterio municipal de Barallobre, ademais de convertelo nun espazo máis accesible e cun aspecto xeral máis agradable. Dos traballos encárgase a construtora Sergonsa Servicios SL, como adxudicataria das dúas licitacións que, en conxunto, ascenden a 363.771,98 euros. En primeiro lugar construiranse 126 novas columnas de nichos co correspondente cinceiro e, unha vez finalice este proxecto, a empresa levará a cabo a renovación do pavimento e dos espazos axardinados, ademais de dotar o recinto con dous módulos columbarios e unha zona para a incineración de restos, como son as coroas, flores secas, e outros materiais que van quedando tralos sepelios.

As obras de ampliación do camposanto -algo máis de 188.400 euros- fináncianse con cargo ao POS+2019, mentres que as de reurbanización -outros 175.300- son asumidas integramente con fondos municipais. A construtora iniciou o traballo hai escasos días facendo acopio de materiais e maquinaria e co traslado ao terreo da disposición que levarán os novos nichos, situados nun sector da zona leste do cemiterio cunha superficie próxima aos 1.800 metros cadrados. De feito, esta mesma mañá a adxudicataria estaba xa coas escavacións de cada cadrícula como paso previo á construción das bases de formigón que sosterán as columnas prefabricadas.

Segundo recollen os planos, no cemiterio construiranse catro novos módulos. Tres deles serán do mesmo tamaño: 24 columnas con cinceiro inferior e 72 nichos cada un (216 nichos en total). O cuarto bloque, de case 30 metros de lonxitude, contará con 162 nichos distribuídos en 54 columnas co seu correspondente cinceiro. A obra suporá, polo tanto, incrementar a capacidade do cemiterio municipal en 378 sepulturas. "A ampliación era moi necesaria e tamén moi demandada pola veciñanza", comenta o alcalde fenés, Juventino Trigo. "O cemiterio estaba chegando ao límite da súa capacidade e con este proxecto, que quedará rematado na primeiras semanas do ano que entra, dámoslle resposta á demanda actual e a medio prazo das instalacións". O alcalde recorda que o recinto aínda conta con outros cerca de 3.000 metros libres "por se fixese falla acometer unha nova ampliación no futuro, pero polo momento, atendendo ás proxeccións demográficas do concello, coidamos que non vai ser necesaria".

Institucional

Publica o teu comentario agora