Unha bicharada invade Ferrol

Unha bicharada invade Ferrol

31 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Capela do Centro Torrente Ballester acollerá esta fin de semana un novo espectáculo para o público infantil no marco de Escena Familiar, o programa estable posto en marcha pola Concellería de Cultura o primeiro sábado e domingo de mes. A  compañía Berrobambán representará a función infantil “Bicharadas”, dirixida a nenos e nenas maiores de tres anos. Será o sábado ás 18.00

A función estará dirixida por Evaristo Calvo e será representada por Chiqui Pereira (autor da obra), Anabel Gago e Patricia de Lorenzo e ten como protagonista a unha araña e unha formiga que viven tranquilas na paz do seu recuncho ata que un día aparece un animal misterioso: un escaravello.   

O público asistente á función poderá entrar, desde a primeira luz, no mundo das “Bicharadas” descubrindo e gozando do fantástico traballo que conseguiu vertebrar Berrobambán. A peza teatral adéntranos no sentir desta historia tan máxica como simple, tan sinceira como divertida e tan imaxinativa como real, que engancha ao espectador e o sorprende desde que a luz ilumina o escenario. 

Desde o ano 2000 esta compañía presentou oito espectáculos en diversos países do mundo, desde Corea a Canadá, pertencentes ao xénero mudo, musical, do texto contemporáneo ou o clown, pensados para o público adulto, infantil ou familiar. 

As entradas pódense adquirir no Punto de Información Cultural (PIC) do Jofre, no seu horario de atención ao público (de martes a venres de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00, tamén os días de función ata o seu comenzo e as fins de semana). O seu prezo  éde 5 euros por neno/a ou pai/nai; 7 euros se vai un menor e un adulto e se a maiores asiste outro rapaz ou outro adulto cada un pagará dous euros máis.

Cultura