Unha cadea humana visibilizará a falta de traballo en Navantia

1300 traballadores das auxiliares xa abandonaron Navantia
15 de Decembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os tres sindicatos: CCOO, CIG e UXT convocan unha folga comarcal de catro horas o próximo xoves 17 de decembro. Unha cadea humana na estrada de Castela unirá as casas dos concellos de Ferrol e Narón para demandar a actuación das Administracións ante a total falta de carga de traballo en Navantia.

ESCOITA O PODCAST:

No mes de marzo Navantia entrega o segundo buque de aprovisionamento en combate para Australia. As compañías auxiliares xa sofren os efectos. Fóronse xa 1300 operarios e quedan 1000 dentro. A situación agrávase porque en Carenas, o colchón de sempre, tampouco ten traballo. Habería algunhas alternativas a estudar. En palabras de Manuel Grandal da CIG, o dique cuberto nin está contemplado nos Orzamentos de 2021- solventable con partidas extraordinarias- nin están feitos os trámites para os permisos. Relanzar a fábrica de turbinas podería ser outra alternativa. “Sería unha vía moi importante entrar no mercado das enerxías renovables, con proxectos enfocados á industria verde” asegura Grandal para quen á dirección de Navantia non lle interesa nada. Engade que a Xunta de Galicia é a responsable de Industria e quen tería que mandar os proxectos ao Estado para que os defenda diante da Unión Europea, o mesmo que fai con ENCE ou Inditex.

En relación co rexuvenecemento do plantel, con 770 prazas no proceso de cobertura do 2019 está a aínda sen rematar e agardan que remate no primeiro trimestre de 2021. Os sindicatos reclaman que se xunten despois as convocatorias de 2020 e 2021. Navantia Fene entraría no complexo integral da ría de Ferrol que defende desde hao moito tempo o sindicato nacionalista. Grandal recoñece que a enerxía eólica mariña está a manter o estaleiro fenés pero “necesita  entrar no nicho da construción naval civil, algo imposible se non ten persoal nin se melloran as instalacións”. Ten claro Grandal que non se pode competir con Corea nin con China pero hai que estudar de que maneira facelo igual que outros países europeos. “Hai que traballar coas novas enerxías para o transporte marítimo e con novos modelos de buque, como se está facendo coa industria do automóbil, porque se non colles o tren pérdelo definitivamente”.

Na comarca chove sobre mollado. A Covid19 despertou a moita xente que ve como é imposible sobrevivir sen a industria. Grandal pon un exemplo; só as pernoctas do departamento de reparacións de Navantia son 22.000 ao ano en Ferrolterra. Hoteis, taxis, hostalería, benefícianse diso. O xoves 17 o sector naval volve mobilizarse cunha folga comarcal de catro horas e unha cadea humana entre Ferrol e Narón. Entre os tres sindicatos están traballando na organización da cadea humana que concentrará á xente nas rotondas e prazas para distribuíla ao longo da estrada de Castela. “A xente que se asome á estrada de Castela” convida Manuel Grandal.

Sociedade

Publica o teu comentario agora