Unha das fosas máis grandes de Galicia

Unha das fosas máis grandes de Galicia
04 de Marzo, 2024 - 04:45 h. | Publicada por Radio Fene

“Veño aquí polo meu pai que tiña 13 anos cando mataron ao meu avó e nunca puido volver pasar con felicidade un dia de Nadal” manifestou esta mañá a neta dunha das 51 vítimas da ditadura que se buscan no cemiterio do Val en Narón. O forense Fernando Serrulla pediulle o ADN da familia para contrastar cos restos que se atopen na fosa.

ESCOITA O PODCAST:

Fala o catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto

http://173.255.131.18/audio/050324FERNANDEZ.mp3

Conversa coa directora da intervención Conchi López

http://173.255.131.18/audio/060324LOPEZ.mp3

O forense Fernando Serrulla coa alcaldesa de Narón e membros de Memoria Histórica Democrática

“Estaban contándonos agora, como chegaban os camións, como botaban ai  a xente, cal foi a participación do crego, como amañaron a pista para que puideran pasar os camións”  indicaba o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto. “É un deber democrático de memoria que as administracións públicas recuperen os corpos de persoas asasinadas extraxudicialmente ou tras xuízos-farsa” indicou o profesor universitario que tamén engadiu: “Como historiadores, queremos saber como foi a destrución da documentación sobre os asasinatos. Os que perpetraron as matanzas eran conscientes do que fixeron e ao longo da ditadura intentaron eliminar as probas. Eles tiñan conciencia do seu crime Por esa razón, empregáronse para eliminar as pistas e borrar as pegadas Son case oitenta anos de ocultación e por iso é difícil atopar os restos” .
“Un dos nosos obxectivos é localizar as fosas no cemiterio do Val. A gran maioría eran mariños procesados tras o golpe de estado de 1936, condenados e consello de guerra e fusilados. Tamén hai veciños de Narón, Ferrol e Fene paseados” indicou a directora da intervención a historiadora Conchi López. 
“A investigación céntrase no estudo das persoas e do espazo. Queremos reconstruír a súa trazabilidade violenta, documentar o tipo de morte e cales foron as acusacións que se lles fixeron, as argumentacións dos fiscais, cando os executaron e quen deu a orde.Unha das maiores dificultades está relacionada cos lugares. O cemiterio cambiou moito ao longo do tempo e iso non sempre se documentou cando se construíu, como se construíu e en que espazos” salientou a investigadora.
A priori os restos atopados onte, non corresponden con persoas que padeceran unha morte violenta, e posiblemente se trate dun osario, onde se recolleran diferentes restos. Houbo moita colaboración cidadán, “a veciñanza da contorna recolle a memoria oral e é un punto de partida estupendo, que moitas veces aporta máis datos que a documentación escrita” matizou Conchi López.
Participaron no inicio dos traballos o forense Fernando Serrulla e historiadores e arqueólogos do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela. Estiveron tamén presentes os historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez, a alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e a asociación Memoria Histórica Democrática.  
Na fosa común do cemiterio do Val búscanse os corpos dos 32 membros da dotación do acoirazado España, 10 tripulantes do Dómine, 2 do Contramestre Casado e e sete persoas máis, fusiladas no lugar entre novembro e decembro de 1936.
Nomes e voces
O proxecto Nomes e voces impulsado pola Universidade de Santiago construíu unha base de datos con 14.000 persoas vítimas do golpe de estado de 1036 e da ditadura. “Permitiu dunha maneira organizada, ordenada, documentada e solvente, definir un proceso que hoxe é modélico no conxunto do estado. Entre o 2006 e o 2008 concretouse un proceso de intervención multidisciplinar coa intervención de forenses, xenetistas, arqueólogos e historiadores. Conseguimos que ese traballo sexa responsabilidade dos poderes públicos. A escavación e a búsqueda dos corpos durante moitos anos foi tarefa privada, e hoxe a administración asume ese compromiso” apuntou Fernández Prieto.

Sociedade

Publica o teu comentario agora