Unha Delegación de Alcaldes de Ourense achegouse a coñecer Sotavento

Unha Delegación de Alcaldes de Ourense achegouse a coñecer Sotavento

14 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os responsables da alcaldía de oito concellos ourensáns achegáronse ás instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento. O grupo amosou especial interese polas posibilidades existentes á hora de aforrar enerxía e polo que isto representa de cara a un futuro sostible.

Durante toda a visita, os participantes coñeceron polo miúdo algúns sistemas enerxéticos renovables, como caldeira de biomasa, bomba de calor xeotérmica, placas solares térmicas e fotovoltaicas, etc. Tamén visitaron a sala de control, onde se lles amosou mediante maquetas, a evolución dos muíños de vento, desde o Muíño Persa de eixe vertical que data do ano 650 d.c., pasando polo muíño galego de Catoira, ata os aeroxeradores que actualmente temos nos nosos montes.

O grupo ourensá puido ademais comprobar en primeira persoa a eficacia dunha cociña solar parabólica, preto do inicio das Xornadas Solares Europeas nas que Sotavento participa activamente, e destacou as posibilidades formativas que ten a instalación.

VIII Certame Renovable 2010

Por outra banda, o vindeiro día 28 de este mes, remata o prazo de entrega dos debuxos, fotografías e experimentos para o VIII Certame Renovable 2010, dotado con 3.000 euros en premios e cuxas bases poden ser consultadas na páxina web www.sotaventogalicia.com.

Sociedade