Unha feira

Unha feira
22 de Abril, 2019 - 12:36 h. | Publicada por Radio Fene

A xornada electoral do domingo estará máis animada do habitual por coincidir en último domingo de abril, data reservada desde hai anos en San Sadurniño para a Feira da Plantación. A deste domingo será a edición número 24 e nela atoparemos todo tipo de planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén  árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o contorno do colexio público e o campo do bispado no lugar ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.

Feira da Plantación de San Sadurniño

A feira comeza ás 10.00h. coa apertura de postos. Baixo a carpa principal estarán os de flor, a planta ornamental e  artesanía relacionada co mundo vexetal. Na rúa paralela ao CPI disporanse os expositores de morteiros, de produto alimentario fresco e elaborado, de ferramentas e incluso de pequena maquinaria, sexa para o coidado de xardíns ou para a preparación de pequenos plantíos.

Ás 12.00 e as 17.00h. haberá un obradoiro infantil de elaboración de queixos, ás 17.30h. a Asociación Brío ofrecerá unha exhibición de baile e, como é tradición, con cada compra que se faga na feira poderemos entrar nos dous sorteos de lotes de produtos que se celebrarán ás 14.15h. e ás 19.15h. Ademais, fágase ou non se faga compra, todo o mundo que pase polo posto do Concello levará de agasallo unha planta ornamental -que se entregará en bolsa de papel- e tamén poderá elixir algún dos títulos doados pola Deputación da Coruña dentro da campaña "Libros para sermos Libres", coincidindo coa semana do Libro.

O programa complétase co espectáculo do Mago Antón “A volta a Galicia en 313 concellos” dentro dun grande “magomóbil” con capacidade para 70 persoas por función. O reputado ilusionista chega a San Sadurniño cunha proposta de 50 minutos de maxia e humor, da que ofrecerá seis pases con entrada gratuíta, tres pola mañá -ás 11.30, 12.30 e 13.30h.- e tres pola tarde, ás 16.30, 17.30 e 18.30h.

Os postos que desexen participar na feira teñen nesta ligazón as bases e maila folla de inscrición, que deberá presentarse antes das 14h. deste mércores no rexistro municipal, por correo postal ou enviándoa a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Sociedade

Publica o teu comentario agora