Unha feira de exaltación do marisco da ría

A confraría de Barallobe agradece a axuda provincial de 18.000 euros para apoiar ao pósito no seu funcionamento
19 de Novembro, 2019 - 02:18 h. | Publicada por Radio Fene

A Confraría de Barallobre traslada á Deputación o seu proxecto de crear unha feira que promocione o marisco da ría de Ferrol. O patrón reuniuse co deputado de Promoción Económica, Blas García, quen destacou o interese da iniciativa “para dar a coñecer a excelente calidade dos produtos do mar da ría de Ferrol”.

A proposta da feira

O deputado responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, reuniuse co patrón maior e o secretario da confraría de pescadores Santiago Apóstol de Barallobre (Fene), Jorge López Pena e José David Pita (na imaxe). Os directivos da confraría trasladaron ao deputado o seu proxecto de crear unha feira de exaltación dos produtos do mar da ría de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña. “A nosa idea é que a xente coñeza e valore a calidade dos produtos da nosa ría, moitos deles aínda moi descoñecidos polo consumidor de aquí, pero que están a ter unha gran aceptación noutros mercados”, afirmou o patrón  Jorge López, quen destacou que entre estas especies están a ameixa roxa, o marolo, a cornicha, a bicuda, as zamburiñas ou as ostras da ría, ademais das ameixas fina e babosa e o berberecho, que representan a maior parte da súa produción actual.

Blas García subliñou o interese da proposta do pósito fenés “para dar a coñecer a excelente calidade dos produtos do mar da ría de Ferrol e introducir no mercado novas especies para que podan ser apreciadas polo consumidor” e comprometeuse a estudar vías de financiamento para apoiar a idea dende a área de Promoción Económica da institución provincial.

Agradecemento

Os dous directivos do pósito fenés trasladaron ao deputado a gran importancia que para eles ten a achega provincial que cada ano destina a Deputación da Coruña para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia na contratación de persoal e na modernización dos procesos de produción e comercialización.  No caso de Barallobre, a Deputación da Coruña vén de concederlles este ano unha subvención de 18.000 euros, “un apoio fundamental para nós, máis aínda despois de quedar fóra das axudas para asistencia técnica e vixilancia que viñamos recibindo por parte da Consellería de Pesca, o que nos obrigou a recortar parte importante do noso persoal”, afirmou o patrón maior.

Sociedade

Publica o teu comentario agora