Unha Fundación podería asegurar a continuidade do Culturgal

Unha Fundación podería asegurar a continuidade do Culturgal

02 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O Culturgal fixa a súa sede na cidade da Coruña e triplica o número de visitantes da edición anterior. Eran tempos aqueles do mes de decembro do ano 2008, a data que na fixou conxelada e abandonada a páxina web da Feira das Industrias Culturais Galegas, ao igual que en stand-by permanece un evento que esmoreceu no seu mellor momento.

A Xunta non apoiará a celebración da feira este ano porque di que non figura unha asignación para ela nos Orzamentos. Mais son as propias industrias culturais do país as que non se resignan e esta semana xentes da música, o audiovisual, o teatro, internet ou o mundo editorial reuníronse para darlle novos azos ao Culturgal. A xuntanza tivo lugar na sede da Asociación Galega de Editores (AGE), cuxo presidente Alfonso García Sanmartín, apostou en Radiofusiòn porque o evento recunque en 2010 e, posiblemente na Coruña: “a sede fixa parece a mellor fórmula, pero non pechamos á porta a que a feira percorra outros concellos”.

Colectivos editorias, fonográficos, audiovisuais e mesmo de internet acordaron constituir a Fundación Culturgal, porque “a sociedade civil debe ser quen leve as rendas, nunha entidade coparticipada polas industrias e aberta ao patrocionio, a través do padroado, das institucións de goberno galegas”, explicou o representante da AGE. A autonomía xurídica da feira evitaría decepcións como a deste ano: “Foi sorprendente que un evento con tanta estima non conte no orzamento da Xunta. Agora –conclué García Sanmartín- só podemos fiarnos das palabras: a Consellaría de Cultura amosou disposición a colaborar na celebración para o próximo ano, pero se finalmente hai axudas, tamén debe haber un compromiso orzamentario firme”.

 

Sociedade