Unha horta frondosa

Unha horta frondosa
23 de Xullo, 2020 - 12:43 h. | Publicada por Radio Fene

A horta comunitaria que traballa Aspaneps en Perlío dá os seus froitos. Esta mañá recibiu a visita dos concelleiros Justo Ardá e Ángeles Coira, coincidindo coa visita dun grupo de nenos e nenas do campamento municipal "Un verán diferente".

ESCOITA O PODCAST:

Moito tomate, leitugas, allos e cebolas, amorodos, xudías e espinacas. Tamén plantas aromáticas. De todo hai na horta comunitaria que Aspaneps traballa no lugar do Castro en Perlío a caron da igrexa de San Estebo e pertiño dos seus talleres. Esa frondosa horta está a ser visitada esta semana polos nenos e nenas participantes do campamento municipal de Fene “Un verán diferente”. Este mediodía recibiu a visita tamén do concelleiro de cultura, Justo Manez Ardá e da concelleira de Educación, Ángeles Coira.

O educador de Aspaneps, Xavier Picos, destacaba esta mañá o valor ocupacional da horta do Castro. A posta en valor do natural, máis despois da crise do Covid19, ten moito peso. Como o confinamento cadróu en tempo de planta, foi o educador social de Aspaneps, Xavier Picos, quen se empregou a fondo, no horario laboral sen rapaces, a recuperar a producción. Os productos repártense entre os veciños que á súa vez aportan os residuos orgánicos para o abono, unha maravillosa colaboración social.

Un valor terapéutico enorme ten tamén o traballo na horta, un proxecto que empezou hai 10 anos coa compostaxe comunitaria, a única deste tipo que queda a nivel galego. Os veciños asesoran tamén no labor hortícola. “A horta é toda unha universidade e hai moitos catedráticos” afirma Picos quen sente mágoa por ter que paralizar a actividade de Aspaneps desde o mes de marzo. Levaron a corentena falando por teléfono para que os rapaces mantiveran unha mínima actividade física e lectora. Agora estarán de vacacións todo o mes de agosto e volverá o curso en setembro.

Na visita á horta comunitaria de Aspaneps este mediodía falamos cun dos monitores do campamento municipal “Un verán diferente”, Alferto Casal, que acompañaba ao último grupo de nenos e nenas en visitar a horta. "Uns quédanse co xardín de plantas aromáticas, a outros encántalles regar" afirma o monitor. Xavier Picos convidounos a "palomitas" feitas en cociña solar. Para seguir as numerosas actividades do campamento, podedes visitar unverandiferente.blogspot.com

Sociedade

Publica o teu comentario agora