Unha novela en forma de podcast

Unha novela en forma de podcast
04 de Decembro, 2020 - 05:20 h. | Publicada por Radio Fene

En 1980, no marco histórico da Transición, en pleno debate sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, o daquela inspector de segunda, Xosé Sánchez Pereiro, enfróntase ao primeiro caso de asasinato da súa carreira: o crime de Manuel Ferro, un arquitecto que traballa no concello da Coruña, presidido entón por Domingos Merino. Nese contexto realista, aparece un home estraño que semella vivir á marxe da sociedade da súa época. Quen era aquel home estraño que cantaba cada tarde no Cantón Grande da Coruña ao pé da estatua de Curros Enríquez e que relación ten coa trama dunha historia aparentemente policial?

Antonio Tizón é o autor de Un home estraño

 

Un home estraño é un podcast de 13 capítulos realizado a partir dun guion de Antonio Tizón baseado na novela do mesmo autor e co mesmo título, Un home estraño, que acadou o VI Premio Cidade Centenaria de Ribeira e foi publicada por Edicións Xerais de Galicia en 2018. É esta a segunda entrega dunha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema catalizador, que non único, da enfermidade mental. A esta serie pertencen así mesmo A antesala luminosa (2015) e Os incurábeis (2020), unha obra tamén en proceso de reconversión neste formato (o podcast) inédito na historia da literatura galega. 

Este podcast, o de Un home estraño, con música de Miro Casabella, está dirixido na súa adaptación radiofónica por Eugenia Sanmartín e será emitido por Radio Fene Radiofusión ás 10 e ás 14:30 horas entre o 15 e o 30 de decembro de 2020. Participaron como actores e actrices Oscar Gaez, Helga Méndez, Franki Muíño, Luis Pillado e Roger de Flor, co control de son de Xabier Fernández e a colaboración especial de Cándido Barral e Leo Toral.

Cultura

Publica o teu comentario agora