Unha Ollada cara a Igualdade

Unha Ollada cara a Igualdade

10 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), ideou un amplo programa de actividades para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e do que xa a, pasada semana, se daban a coñecer as primeiras actividades. Para esta ocasión, a concellería que dirixe José Alén creou unha serie de actividades nas que o deporte e as exposicións se mesturan con programas radiof

Baixo o lema Unha Ollada cara a Igualdade desenvolveranse ao longo de case tres semanas diferentes iniciativas nas que estarán involucrados, ademáis de Servizos Sociais, os departamentos de Deportes, Radio Televisión Local e a Biblioteca Municipal dando lugar a un listado de iniciativas nas que todos e todas os veciños de As Pontes, independentemente da súa idade, poden participar. 

De feito, o concelleiro José Alén convidou a toda a veciñanza a involucrarse, un ano máis, nas diferentes actividades ideadas ao abeiro deste programa co que, novamente, o que se busca é, segundo o edil, “concienciar a grandes e pequenos sobre a igualdade de xénero e intentar actuar mediante a educación para a erradicación dos estereotipos sobre homes e mulleres que, durante séculos, se implantaron na sociedade” e que deixa, á orde do día, situacións coma salarios diferentes para homes e mulleres malia que o traballo sexa o mesmo ou empregos de homes e empregos para mulleres.

Neste senso, José Alén recalcou a necesidade de continuar a traballar en prol da eliminación destas diferenzas, situación que xa se desenvolve, segundo explicou, ao longo de todo o ano, sobre todo nos centros educativos ponteses xa que, tal e como subliñou o edil, os estudantes de hoxe son os que, nun futuro, se encargarán de dirixir o mundo e de lograr, nun futuro, a eliminación real das desigualdades por motivos de xénero. 

Programa de actividades 

Mañá, día 11, entre as 10.00 e as 13.00 horas terá lugar a primeira actividade deste programa. Será un espazo radiofónico, que se emitirá mediante a emisora municipal Radio Eume, e que levará por título Voces pola Igualdade, que vivirá a súa terceira edición. 

Ao longo de tres horas será posible escoitar os testemuños e opinións de diferentes representantes do deporte, da sociedade e da política local que se achegarán ata a biblioteca municipal para compartir as súas experiencias e ideas sobre a igualdade real entre homes e mulleres.

O sábado, 12 de marzo, ás 11.00 horas nos Xardíns Campo da Feira, darase lectura ao Pregón Pola Igualdade no Deporte, un texto que presentarán as xogadoras do equipo feminino do CD As Pontes e que virá seguido dunha marcha popular pola igualdade, apta para calquera idade, que levará aos participantes ata as inmediacións do polideportivo municipal da Fraga. Xa ás 12.00 horas terá lugar unha xornada de xogos nestas mesmas dependencias. No caso de que o tempo non acompañe estas  actividades desenvolveranse no pavillón municipal. 

O 14 de marzo arrincarán as charlas sobre a igualdade nos centros de Primaria e Secundaria de As Pontes, nunha nova edición da Semana da Muller nas Escolas que se prolongará ata o día 18.

Tamén o vindeiro luns dará comezo un obradoiro de cestería en papel reciclado para mulleres, será ás 10.00 horas na Casa de Don Pedro e estará impartido pola artista local Lourdes Acera Olaso. 

O programa pecharase con dúas exposicións. A primeira delas abrirase mañá na Biblioteca Municipal e levará por título A Muller na Literatura. Trátase dunha colección de máis de 120 títulos, tanto infantís coma para o público adulto, escritos tanto por mulleres coma por homes. Asemade, tamén nestes días desenvolverase a actividade infantil Elas nos Contos onde os máis pequenos poderán coñecer o papel da muller nas súas historias favoritas.

Xa o día 18, ás 12.00 horas, inaugurarase a mostra Entre Mulleres, ideada pola Asociación de Artesáns de As Pontes, na que se recollen diferentes traballos ideados polas mulleres artesás pontesas. Ata o 30 de marzo será posible visitar esta mostra na sala de exposicións do Mercado Vello.

Sociedade