Unha pedrafita chea de maxia

No Marco do Salto aínda hai moedas que deposita alí a xente
21 de Setembro, 2020 - 12:57 h. | Publicada por Radio Fene

O Marco do Salto e a Pena do Castro, paraxes cargadas de historia e superstición no concello de Cabanas. Visitámolas da man de Eva González.

ESCOITA O PODCAST:

O Marco do Salto (Cabanas- A Coruña) é unha pedrafita situada a carón do monte do Castro cuxa orixe remóntase a finais do Neolítico e está relacionado con prácticas de rituais máxicos de fertilidadede, similares a outros como o Marco de San Lourenzo, no límite entre Cabanas e Fene. Estamos diante dunha pedra de granito redondeada, cunha ranura da parte superior. As crenzas populares atribúenlle, a maiores da fertilidade, propiedades curativas, contra o mal de ollo e outras doenzas. O ritual manda ir e volver ao marco antes da media noite e levar unha prenda de roupa e unha moeda que se coloca na ranura. Danse nove voltas ao seu redor, pronunciando unhas palabras.

“Aínda se atopan moedas hoxe en día e hai constancia de que en 1940 aínda se celebraban ritos máxicos alí” afirma a técnica de turismo de Cabanas, Eva González. González lévanos de paso pola Pena do Castro onde se atopa un dos castros de Cabanas que data da idade do ferro, do século VI a. de C. Con forma ovalada adaptada ao terreo, deixa ver as súas liñas defensivas. A Pena do Castro está a 300 metros sobre o nivel do mar e desde alí divídivisanse as rías de Ares e Ferrol, as illas Sisargas ou Betanzos. Unha paraxe digna de ser visitada, unha vez que remata o tempo de praia.

 

(Na imaxe, o Marco do Salto)

Cultura

Publica o teu comentario agora