Unha saba branca convertida en pantasma leva a Roberto Lolo á final de Sitges

Unha saba branca convertida en pantasma leva a Roberto Lolo á final de Sitges

07 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O realizador sarrián Roberto Lolo vén de colocarse como un dos 18 finalistas da sección Brigadoon do prestixioso Festival de Sitges (Barcelona) que se celebrará a comezos de outubro. Todo un soño feito realidade, segundo comentou o propio director nos micrófonos de Radiofusión, resultado do grande esforzo que leva facendo ao longo da súa traxectoria audiovisual

Á sección Brigadoon concorreron 1.500 traballos, pero o xurado decantouse, entre outros poucos, por esta historia dun matrimonio que perde a un fillo e a consecuencia a muller queda xorda. Unha década despois do suceso comezan a suceder fenómenos estraños que ninguén é capaz de explicar.

Precisamente, a protagonista está interpretada por unha moza de Sarria que é xorda na realidade, Yolanda López. Un feito que fixo que no elenco de actores algúns, entre eles o propio Roberto Lolo, tivesen que aprender a linguaxe de signos.

Na cinta aparece tamén a edil socialista do Concello de Sarria, Paula Vázquez, ademais de Manuel Pérez e Míriam Gaute. Tamén Roberto Lolo quen tivo que raparse a cabeza e engordar 10 quilos, porque para o director o máis importante é a profesionalidade.

A curtametraxe xa se exhibiu a finais de xullo e durante esta fin de semana na Casa de Cultura de Sarria cunha grande acollida por parte dos veciños.

Roberto Lolo agarda tamén que con este filme baseado no terror clásico os máis cativos, que parece que xa non se asustan por nada, volvan mirar debaixo das súas camas antes de deitarse para comprobar se hai pantasmas.

 

Cultura