UUAA pide a Medio Rural que avale ao IGAPE para dotar de circulante ao campo galego

UUAA pide a Medio Rural que avale ao IGAPE para dotar de circulante ao campo galego

03 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Sindicato Unións Agrarias (U.U.A.A.) valorou positivamente o acordo asinado pola Xunta de Galicia e as entidades financeiras para que se adiantase o pago dos ingresos dos gandeiros pola aplicación da PAC. A través desta medida poranse a disposición das explotacións uns 70 millóns dos que xa son preceptoras as explotacións galegas. A medida só será efectiva dependendo da axilidade coa que se ocupe da tramitación administrativa.

Trala reunión da mesa do Leite, o pasado 27 de maio, informouse ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, da necesidade de contar con créditos do IGAPE que sexan avaliados polo organismo autonómico para limitar a falta de capital circulante das explotacións. Así, a través desta axuda, os gandeiros galegos poderían reducir os atrancos para acceder a préstamos, debido á dificultade que teñen para conseguir cartos por parte das entidades privadas, moi remisas ás operacións crediticias.

 

Así mesmo, U.U.A.A. esixe que se suavicen as condicións dos préstamos contraídos polos gandeiros, o que facilitaría unha mellora das súas explotacións, tanto no tocante ao tipo de interese aplicable como á cadencia destes. Tamén sería importante para os que tiveron por obxecto a compra de cota, xa que supón, segundo Roberto García, secretario xeral desta organización agraria, “unha discriminación e unha eiva competitiva cos gandeiros franceses, que tiveron necesidade de compra de cota; e cos asturianos, que van dispor dunha axuda directa que cubra estes investimentos”.

Finalmente, Unións Agrarias lembra que este paquete de medidas precisa dunha acción global das administracións para que o sector “poida sobrevivir ás prácticas monopolísticas e depredatorias da distribución, que están levando á ruína a todo o sector produtor lácteo e, por extensión, tamén ás industrias”.

Reunión en Madrid

As organizacións agrarias galegas acoden hoxe a unha reunión coas asociacións agrarias para analizar a actual crise do sector leiteiro. Á xuntanza asistirán representantes da Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución (ANGED) e integrantes da Asociación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL).

Desde Xóvenes Agricultores (XXAA) informouse dalgunhas das reivindicacións que se porán enriba da mesa, por parte dos representantes gandeiros. Así, esixirase a eliminación do leite como produto reclamo no mercado; non fixar diferentes marxes ao mesmo produto e a eliminación das importacións masivas de queixos por debaixo do seu prezo de custo.

Ademais, desde XXAA deféndese a necesidade de poñer en marcha unha lei de marxes comerciais, para paliar o problema dos prezos no sector primario.

Sociedade