Uxía inaugura os concertos íntimos na casa de Manuel María

Uxía inaugura os concertos íntimos na casa de Manuel María

20 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

A actuación de Uxía abre este venres o ciclo de “concertos íntimos” na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Os concertos fan parte dunha programación cultural máis ampla que a partir de agora acollerá periodicamente a Casa de Hortas. Ademais dos temas de Andando a terra, Uxía interpretará tamén algunhas das pezas máis célebres do seu repertorio. As entradas, ao prezo de 5€, pódense reservar

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, no corazón da vila de Outeiro de Rei, acollerá este venres 21 de novembro ás 21 horas un concerto da cantante Uxía. Trátase do primeiro dos “concertos íntimos” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos organizará a partir de agora periodicamente na Casa de Hortas, espazo natal do autor de Terra Chá, dentro dunha máis ampla programación de actividades culturais dirixida a todo tipo de públicos. As entradas para este concerto teñen un prezo de 5€ e pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177 621, opción recomendábel dado o aforo limitado do espazo e o bo ritmo ao que xa van as reservas.

Uxía estará acompañada na súa actuación polo brasileiro Sérgio Tannus á guitarra, do tamén brasileiro Paulo Silva na percusión e do galego e ex-membro de Berrogüetto, Santi Cribeiro ao acordeón. Nun lugar tan especial como a que foi a antiga palleira da casa natal de Manuel María -hoxe auditorio da Casa-Museo- Uxía interpretará temas do seu disco Andando a Terra, un traballo construído a partir de textos do poeta de Outeiro de Rei que a Fundación Manuel María lanzou á venda xuntamente co poemario Os lonxes do solpor, que permanecía inédito, e o audiovisual De amor e cantería, que resultou ser premio Mestre Mateo ao mellor documentario creativo concedido pola Academia do Cine Galego.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos bautizou este ciclo que se inicia coa actuación de Uxía co título “De corazón a corazón. Concertos na intimidade”. Segundo o seu secretario, Alberte Ansede, “Non son concertos ao uso, pois pretendemos darlles un formato diferente. Desenvolveranse nun ambiente absolutamente íntimo que mesmo facilitará o contacto persoal e a interacción entre os artistas e o público”. “Todos e todas acabaremos cantando”, asegurou Ansede, “e no caso de Uxía, será particularmente emocionante evocar a Manuel María no mesmo epicentro da súa intimidade poética”.

Uxía xa acompañou musicalmente a xornada inaugural da Casa-Museo hai agora algo máis dun ano e volta agora a ela, inaugurando coa súa voz e a súa música un tempo de novas propostas culturais que a partir de agora a Casa de Hortas acollerá nos fins de semana. Unha programación  que, ademais dos concertos íntimos, incluirá iniciativas tanto para os máis pequenos como para as persoas adultas tales como obradoiros de contos, de construción de xoguetes e de monicreques, música, teatro e contacontos.

Sociedade