Vín aquí para axudar o equipo

Vín aquí para axudar o equipo
25 de Xuño, 2020 - 11:58 h. | Publicada por Radio Fene

A base valenciana Patricia Benet continuará a próxima tempada no BAXI Ferrol despois de aceptar a oferta de renovación que lle fixo o club.

A xogadora chegou en febreiro ao equipo ferrolán, para cumprir a súa segunda etapa na entidade, coa intención de axudar á escuadra de Lino López a conseguir o ascenso á liga Feminina Endesa, pero o Covid 19 impediullo e só puido disputar dous partidos co conxunto departamental. A base foi unha das xogadoras que máis minutos disputou na competición nas filas das Patatas Hijolusa León e achegará a súa experiencia na categoría, na que disputou varios ascensos, conseguindo o obxectivo en dúas ocasións, esperando facelo por terceira vez co BAXI Ferrol.
A xogadora destaca sobre a súa renovación co equipo ferrolán que "vin a aquí para axudar ao equipo a volver estar na liga feminina Endesa e non puiden acabar aquilo para o que vin. Ferrol merécese un equipo no máis alto do baloncesto nacional e para iso vin e para iso volvo". 
En canto ao que espera do equipo na nova tempada, Patricia Benet manifesta que "creo que temos un equipo con moito talento, con xogadoras comprometidas e con moitas ganas de traballar. Espero que gocemos moito do día a día, de cada partido e así, estou segura conseguiremos os nosos obxectivos". 
Polo que se refire á reestruturación da liga Feminina 2, a xogadora manifesta que "tiña costado moito recuperar o nivel e o prestixio da liga 2 e creo que con tres grupos damos un pasito atrás, respecto diso. Creo que vai baixar un pouco o nivel, pero nós temos que centrarnos nos noso para competir ao máximo contra todos os equipos".
Patricia Benet convértese na sexta xogadora confirmada polo BAXI Ferrol para a próxima campaña, despois das renovacións das canarias Patri Cabrera e Natalia Rodríguez, da surafricana Sune Swart e as fichaxes da valenciana Irene Garí e da arxentina Andrea Fenda.

Deportes

Publica o teu comentario agora