A vacina será útil se a poñemos todos

A vacina será útil se a poñemos todos
12 de Xaneiro, 2021 - 11:13 h. | Publicada por Radio Fene

O doutor Manuel Martín, de SOS Sanidade Pública, aposta polo reforzo e maior protagonismo da atención primaria no proceso de vacinación da poboación. Despois dos sanitarios, considera que deberían vacinarse as persoas con enfermidade crónicas porque, xunto coas persoas maiores, son as mais vulnerables diante do virus.

ESCOITA O PODCAST:

A Atención Primaria reclama máis participación no proceso de vacinación da poboación. As residencias de maiores onde se procede actualmente á vacinación non teñen relación algunha cos centros de saúde. Unha vez se remate a vacinación dos residentes maiores e do persoal sanitario, probablemente haxa que continuar coas persoas que teñen enfermidades crónico- dexenerativas porque está demostrado e a maior idade e as patoloxías previas son máis mortais nos afectados pola Covid19.

A atención primaria

O doutor Manuel Martín, membro da plataforma SOS Sanidade Pública, explica que son os médicos de atención primaria os que teñen toda a información desta poboación e polo tanto a súa implicación debería ser maior. Neste punto advirte Martín que os centros de saúde viron como os seus recursos mermaban nos últimos anos sen que se cubriran as xubilacións. Neste momento, advirte, en moitos centros de saúde estase atendendo só dous ou tres días á semana en lugar de facelo a diario. A conclusión é que hai que contratar mais persoal médico e de enfermería e solventar a marxinación dos centros nesta campaña.

O ritmo da vacinación

O Plan de vacinación galego é unha transcrición do estatal, afirma Martín. A loxística aínda non conseguiu que haxa vacinas suficientes pero tamén é verdade que o ritmo de vacinación fixo que non se puxeran todas as doses dispoñibles. “Vacinar non é só dispor das doses, tamén implica contar con medios humanos e recursos. A este ritmo, sen ser dos máis baixos a nivel estatal, Galicia necesitaría entre 5 e 6 anos para completar o proceso”, afirma Manuel Martín. O membro de SOS Sanidade Pública considera que hai que cumprir os protocolos, en relación á inoculación da primeira e segunda doce no prazo de 21 días, porque senón poñemos en risco a utilidade da vacina. Aborrece das batallas políticas de quen pon máis vacinas e máis rápido para presumir fronte aos outros.

Transparencia e confianza

Para as persoas que non se fían pola rapidez na que se conseguiron as vacinas, Martín argumenta que esta pandemia requiría rapidez na súa fabricación. Respecta que haxa dúbidas pero hai que aceptala porque senón teremos un serio problema. Iso si, pide transparencia á Administración en todo o proceso. Sobre cando acabará isto, o doutor Martín infórmanos que as previsións oficiais falan de ter vacinada ao 75% da poboación a finais deste ano. Esta vacina é complexa polas condicións de frío que require pero, ao aparecer novas vacinas menos esixentes, podería acelerarse o proceso. 

(Na imaxe, centro de saúde do Tarrío en Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora