Varadero, o balneario cubano

Varadero é, como dín os cubanos, o lugar ideal para vacacionar
07 de Novembro, 2019 - 09:56 h. | Publicada por Radio Fene

De La Habana a Varadero hai 130 quilómetros. Entre unha e outra está Matanzas, a cidade dos rios ou a Atenas cubana, como a chaman eles. Alí empezou a cantar Celia Cruz coa orquestra Sonora Matancera.

ESCOITA O PODCAST:

Escoitamos as voces de Mari, Jose , Fina e Elvira

http://173.255.131.18/audio/071119VARADERO.mp3

Se acordamos que a illa de Cuba ten forma de caimán, Varadero estaría situada xusto na croca do rabo. Municipio de Cárdenas, provincia de Matanzas, a 130 Km de La Habana.

Pasando por Matanzas

Para aló partiron o 23 de outubro de 2019 os membros da expedición da Tenencia de Redes, sombreiros na cabeza, lentes de sol, bañador e crema na mochila, e 31º no ambiente. Choveu polo camiño, sobre o Val de Yumurí, parada obrigada para tomar a piña colada no mirador sobre a Ponte de Bacunayagua, ao son de "Comandante Che Guevara". E pasamos por Matanzas, a denominada “Atenas cubana”. Chámase así esta cidade onde os españois cometeron unha gran matanza de indios, segundo conta a guía da excursión. É a cidade dos ríos e das pontes, con 140.000 habitantes, chamados matanceros. Fundada en 1693, Matanzas é bahía de moito calado onde soen atracar os grandes barcos cargados de combustible. De alí, de Matanzas é a Orquestra Sonora Matancera na que empezou cantando Celia Cruz á que a revolución pillou fora de Cuba e, cando quixo volver non puido, segundo relata a guía da viaxe. Foi en Matanzas onde, no século XIX, naceu o Danzón.

Carencia de combustible

Polo camiño entre La Habana e Varadero, numerosas persoas agardan que alguén as recolla nos seus autos. A crise do combustible en Cuba foi tan grande nos ultimos meses que os motorinos recollen á xente nas paradas dos autobuses e nas beiras das estradas. Como son dúas horas de viaxe entre La Habana e Varadero, a guía continúa contando historias, por exemplo, como funciona a TV en Cuba. As 20h teñen o “noticiero” e os luns ás 20,30h emítese o programa humorístico de máis éxito do país "Vivir del cuento". Un xove cibernético- matemático, Luís Daniel Silva, enfúndase no disfraz do xubilado Pánfilo Epifanio para falar da vida cotiá dos cubanos desde a súa sala de estar, presidida por un cadro que reproduce a libreta de abastecemento. “A Fidel encantáballe” sentencia Mercedes, a guía. Por 50 pesos cubanos a xente merca un paquete con programas doutras televisións que lles venden aqueles cubanos que dispoñen dunha antena que capta outras canles do mundo. Engade Mercedes que gostan moito do programa “La Voz” de España. Mentres conta estas curiosidades, pasamos pola casa que Silvio Rodríguez ten na praia de Jibacoa. Alá queda no pindirico do monte, sobre o mar. Mercedes sigue coa súa cantinela que pasa rozando pola historia do neno balseiro Eliáncito González a quen dí que Fidel “adoraba”.

Un paraíso

Xa se divisa Varadero, que significa lugar fora da auga, onde recalan os barcos. 48 Km cadrados, 29.000 habitantes, e o que é máis importante, 20 kilómetros de praias. Non é raro que a denominen “o balneario cubano”. Máis de 70 hoteis están ao servicio do turismo internacional e nacional. Dí Mercedes desde o seu micrófono do autobús que a primeiros do século XX converteuse no “balneario de los ricachones de EE UU para vacacionar”.

Dispersas polo areal hai casas como a Mansión Xanadú ou Casa Dupont, construída hai 100 anos por un acaudalado químico francés, en primeira liña da praia das Américas. Recoméndanos o restaurante Salsa Suárez e unha boa cantidade de tendas con souvenirs típicos para alimentar un sector cada vez máis en auxe, o turismo.

Pero o mellor de todo está detrás da estrada que circula paralela ao mar, cando se entra no paraíso. Area branquísima, fondo coralino e augas azuis, onde unha podería afogar para sempre. Enfrente, o estreito da Florida e no medio, entre Galiza e Cuba, o noso común Océano Atlántico.

 

 

 

 

 

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora