Varela promete unha política de “salvagarda do emprego”

Varela promete unha política de “salvagarda do emprego”

16 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O emprego tomou posicións en Guitiriz para constituírse como elemento central da campaña de Ricardo Varela. O candidato número un do PSdeG-PSOE por Lugo ao Parlamento Galego centrou a súa intervención nun mitin celebrado onte na vila chairega en “salvagardar o emprego por riba de calquera cousa”.

As políticas laborais serán un punto decisivo no programa de goberno socialista, que incluirá unha especial protección dos colectivos de mais risco, como poden ser a mocidade e as mulleres, entre outros. Para salvagardar estes sectores, o actual conselleiro de Traballo fixo fincapé en medidas como “o investimento para incrementar ata o 50% os mozos e mozas que estuden FP co obxectivo de que o 90% dos titulados en FP atopen traballo nos seis meses seguintes ao remate dos estudos; e a creación 5.000 bolsas-salario para os estudantes de FP”.

O candidato pediu o apoio de todos para afrontar a actual crise económica, da que afirmou que Galicia sairá “fortalecida” e que “se transformarán os retos do presente, en oportunidades de futuro e cando iso pase, vós estaredes aquí, solidamente formados e educados, para aproveitalas”.

Pero no discurso de Varela tamén houbo espazo para o tratamento do ámbito educativo, no que o fomento da educación plurilingüe será un dos seus piares. “No PSdeG-PSOE queremos facer posible que todos os centros de secundaria se imparta, polo menos, unha materia en inglés”, estimou Ricardo Varela.

A continuación, o vicesecretario xeral dos socialistas fixo balance, remarcando especialmente o compromiso do goberno coas infraestruturas. “Hai que ter en conta que obras que Galicia necesitaba desde hai máis de 16 anos non deron o primeiro paso ata que chegou ao goberno da Xunta o Partido Socialista. A provincia de Lugo, -continuou Varela-, estará conectada co resto de Galicia e de España en breves, a A-6, a autovía do Cantábrico, o corredor do norte, as conexións con Santiago e Ourense non existían coma proxectos cando gobernaba o PP. Hoxe as palas comezaron a funcionar, todos os tramos están licitados ou empezadas as obras de cada un deles”.

Varela falou destas infraestruturas, ademais de outras como o AVE, os parques empresariais, o novo hospital de Lugo capital e a ponte sobre o Miño, como razóns para confiar en Touriño e na súa xestión.

Outro dos protagonistas do mitin guitiricense foi a número 4 por Lugo, Sonia Verdes, que incidiu nas políticas para o medio rural que impulsaron os socialistas. “Hai que lembrar a posta en marcha do Banco de Terras para aumentar a superficie das explotacións, a cotitularidade, a redución á metade das cotas da Seguridade Social para as mulleres de menos de 45 anos, o fomento do relevo xeracional, o cooperativismo, as concentracións agrarias privadas colectivas e sobre todo o apoio aos emprendedores no rural”, considerou Verdes.

A número 4 por Lugo explicou que o PSdeG-PSOE impulsará un Plan específico para o Sector Lácteo e para o respaldo da comercialización dos principais produtos do agro. “Con estas medidas, -asegura Sonia Verdes-, e coa implantación do TDT, a banda ancha e co reequilibrio territorial os socialistas conseguiremos e impulsaremos a revalorización do medio rural”.

A socialista tampouco deixou escapar actual situación política do PP, cando dixo que “un candidato que oculta os delitos dos seus compañeiros, que nega os mesmo, que consinte a corrupción no seo do seu partido, non é digno para aspirar á Xunta de Galicia, pero é máis, non é digno de representar ao conxunto dos galegos e galegas”.

Por último, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou a solidez, experiencia e traballo que avala á candidatura lucense, así coma falou de que “os socialistas adicámonos a sacar o traballo adiante, non nos adicamos a espiar a xente nin a estar ás conversas dos demais”.

Besteiro dixo que o programa do PSdeG-PSOE ademais de ser factible é real, “está pensado e valorado para ser realizado nun tempo razoable”.

O presidente da Deputación fixo un chamamento aos cidadáns de Lugo para acudir ás urnas o vindeiro 1 de marzo, “para vencer a apatía e o pesimismo que está a sementar o Partido Popular entre a poboación. Porque ao PP, -subliñou-, convenlle que haxa abstinencia”.

Sociedade