A venda de levadura é esaxerada

A venda de levadura é esaxerada
20 de Abril, 2020 - 10:09 h. | Publicada por Radio Fene

O pan é un alimento básico e por iso o forno do Cruce de Maniños sEgue cocendo cada día desde as tres da mañá. Ao frente está Pica Rivera e os seus irmáns e empregados. En total dez persoas que non perderon o traballo por culpa do Covid19.

ESCOITA O PODCAST:

O ritmo de traballo no forno de Maniños -Fene- segue o seu curso. O pan véndese practicamente igual aínda que baixaron os encargos de doces ou empanadas na fin de semana. “Antes da crise, os venres eran días moi fortes, con moitas encargas que agora baixaron porque a xente non se reúne” afirma Pica Rivera, ao fronte do forno e do despacho de pan O Cruce de Maniños. E logo está a venda de levadura e fariña que é esaxerada. Medio en broma, Pica advirte aos clientes que deixen de mercala porque senón, que van facer os panadeiros. Nesta crise púxose de moda cociñar e facer repostería na casa para matar o tempo porque a xente ten moito tempo libre. Suponse que cando volva a normalidade parará esa “moda”.

Como no Cruce fan pan de verdade, os panadeiros seguen empezando a cocer, como sempre, ás tres da mañá. No horario habitual empeza a venda no despacho que ten unhas dimensión reducidas por iso, desde que empezou a alarma sanitaria, os clientes fan cola no exterior porque so se permite entrar a dúas persoas á vez. “A xente agarda a súa quenda respectando as normas, declara Pica Rivera, moitos veñen coas súas máscaras e luvas, o mesmo que os traballadores”. Na tenda colocouse unha pantalla para evitar que a xente se apoiase no mostrador e permita manter esa distancia necesaria para evitar os contaxios.

A veciñanza de Maniños acude á panadería a diario pero hai persoas da contorna que prefiren levar 10 barras ou 7 bolas para conxelar. Insiste Pica en que, como é pan de verdade, conxela moi ben. Tamén cabe a posibilidade de apuntarse ao reparto a domicilio, un servizo que ten O Cruce de sempre. Agardamos que cando volva a normalidade as “bizcochadas” de Maniños recuperen a súa sona de ser as máis sabedoras do mundo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora