As vendas de coches incrementáronse en Galicia nun 72% durante a primeira quincena de setembro

As vendas de coches incrementáronse en Galicia nun 72% durante a primeira quincena de setembro

18 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

As vendas de coches a particulares aumentaron en Galicia en máis dun 72% durante a primeira quincena de setembro, mentres que no resto do Estado se incrementaron nun 38%. Uns datos que desde o sector atribúen ao éxito do Plan 2000E do Goberno central e o Remóvete da Xunta. Na situación oposta atópanse as compras efectuadas polas empresas de aluguer, que caeron en máis dun 85% na comunidade.

"As cifras de matriculacións en Galicia son espectaculares”, valorou nos micrófonos de Radiofusiòn o presidente da Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor (GANVAM), Juan Antonio Sánchez Torres. Non obstante, a satisfacción, advirte, pode durar pouco. Segundo os cálculos do sector, os fondos gobernamentais destinados a promover a compra de coches esgotaranse este outono. Sánchez Torres cualificou esta posibilidade de “traxedia” e solicita ás administracións que renoven as axudas outros 12 meses.

Na opinión do presidente de GANVAM, o sector da automoción merece un trato preferente por parte dos gobernos por ser “un dos tres piares fundamentais” da economía estatal.

Sociedade