Vendas e forzas na feira das industrias culturais

Vendas e forzas na feira das industrias culturais

06 de Decembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Non hai só libros no Culturgal 2015. Propostas musicais, teatrais e de diferentes cooperativas do mundo da creatividade misturanse no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tamén acuden pintoras, ceramistas e artesáns de instrumentos musicais.

O Culturgal está a fornecer un espazo de encontro non só entre as empresas e colectivos da cultura, tamén entre os artistas e artesáns que achegan as súas obras e proxectos particulares. Así o recoñecen artistas como Irene Silva, a plástica baionesa cuxa obra agora pode visitarse na feira e Fe González, artesán do Baixo Miño.
Se ben a esperanza de atopar clientes move a moitos artistas a procurar un posto neste encontro en Pontevedra, xa o feito de “estar e participar deste intercambio de ideas e experiencias” paga a pena o asistir, salienta Irene. 
“Gústame a xente que ven a esta feira”, comenta Fe. Matiza que inda que a procura de vender os seus traballos é o motivo polo que pagou 300 euros polos tres días, o contacto coa xente que vista o Culturgal a enche de forzas. É o segundo ano no que participa, esta vez acompañada doutra artesán de Lugo, coa que decidiron compartir gastos.
Inda que é cedo para facer balances, atopan que sen estar mal as ventas están un chisco máis baixas que o ano pasado. Mais pensan que iso vai trocar cando remate a feira e se poda facer un balanzo global.
Entre un feixe de pinturas e co seu inconfundible sorriso atopamos a artista baionesa, Irene Silva, mentres atendía consultas dos visitantes do Culturgal 2015.
Cultura