Verde para humanizar a cidade

Verde para humanizar a cidade

08 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Humanizar a cidade. Ese é o obxectivo da colocación de árbores nas rúas. Aportan sombra, reteñen a contaminación atmosférica e serven de niño a aves como as rulas. Na avenida Marques de Figueroa, na avenida Naturais de Fene ou na estrada da Fraga en Fene (A Coruña) o verde contrasta co gris do asfalto.

As especies máis abundantes nos principais viais de Fene son os plátanos, seguido de lonxe das magnolias, camelias e laranxeiras. Na Estrada da Fraga existe unha alineación escasa de tamaris por mor do pouco espazo que as construccións deixaron as raíces. Ademais nese punto atópase un cercis e un magnolio. Estes reflicten a posibilidade da integración da vexetación en zonas urbanas, explica o xardiñeiro Antón Muñiz.

Na Avenida do Tarrío destaca unha serie de camelias e xa nos xardíns dianteiros do Centro de Saúde  medran dous exemplares de oliveiras. Unha longa fila de plátanos proporcionan sombra ao viandante pola Avenida Marqués de Figueroa e nunha confluencia da mesma, na Praza da Escola, álzase unha fermosa laranxeira. A ornamentación floral nas beirarrúas da Avenida das Pías, fórmana unha alternancia de tamaris e Ligustrum Xapónica e, na Avenida Naturais, de Fene a magnolia glandiflora e as cerdeiras xaponesas.

Sociedade