Veterinarios Sen Fronteiras fomenta a compra pública de alimentos en Galicia

08 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por

A maioría de nós cando imos ao mercado de abastos adoitamos parar nuns locais de referencia. Adoitan ser os dos praceiros cos que desenvolvemos unha relación de confianza, ben pola afabilidade do trato, ben pola calidade do seu produto, ben porque sabemos de onde trae os alimentos e se son produtos da súa horta ou dunha granxa familiar. Pensemos agora se nós fósemos unha administración pública e tivésemos que facer uns grandes volumes de compra

Para VSF e o SLG, a compra alimentaria das administracións públicas pode e debe funcionar como impulsora dos mercados alimentarios locais e ten un enorme potencial para facelo non só mediante a súa acción lexislativa e orzamentaria, senón tamén como consumidoras e mercadoras de alimentos. Teñamos en conta que, no Estado español, as administracións públicas destinan entre 2.000 e 3.000 millóns de euros a compras alimentarias para fornecer colexios, hospitais, centros penitenciarios e bancos de alimentos.

Segundo as organizacións, con todos eses cartos, as administracións poden e deben ter un rol determinante para apoiar a agricultura familiar e ser un factor determinante no desenvolvemento rural. Pola contra, hoxe en día, os alimentos mercados en circuítos curtos de comercialización no estado español non chegan ao 3%, e unha de cada catro comidas servidas en escolas e hospitais están controladas por dúas empresas: Serunión e Eurest-Compass Group.

Nesta xornada organizada por VSF e SLG, vaise presentar o informe “Compra pública en sistemas alimentarios globais. Impactos sociais, ambientais e económicos”, e aproveitarase para crear un foro de debate e intercambio de experiencias entre labregos e labregas e axentes implicados na compra pública de produtos alimentarios como asociacións de pais e nais, concellos, bancos de alimentos, hospitais, universidades, etcétera.

Sociedade