Viños e Camelias

Viños e Camelias

12 de Marzo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou onte en Madrid a nova campaña ‘Vinos y Camelias’, unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa D.O Rías Baixas e Turismo Rías Baixas, que combina dous grandes reclamos turísticos consolidados na nosa comunidade: a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas.

Baixo a denominación de ‘Vinos y Camelias’ Turismo de Galicia promocionará conxuntamente dous produtos turísticos con enorme potencialidade e gran aceptación, que están a contribuír a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e a impulsar a desestacionalización da demanda.

A directora de Turismo de Galicia presentou esta nova experiencia a un grupo de prestixiosos periodistas especializados en gastronomía e turismo cos que compartiu un almorzo elaborado polo cociñeiro galego, Pepe Solla.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que esta flor insignia de Galicia alcanza o seu máximo esplendor no sur de Galicia convivindo cos viñedos dos que se obteñen os afamados viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. “Co obxectivo de continuar impulsando a consolidación e promoción destes dous grandes recursos presentamos esta nova forma de coñecer a nosa comunidade”, sinalou.

Na súa intervención, Nava Castro salientou que deste xeito esta iniciativa permitirá aos turistas que visiten os xardíns da Ruta da Camelia, gozar ao mesmo tempo doutro dos grandes tesouros de Galicia, os viños da D.O. Rías Baixas. “Así os visitantes poderán descubrir dun xeito diferente esta zona do sur de Galicia que conforma un dos destinos turísticos máis visitados da nosa comunidade”.

Sociedade