Videoclips a esgalla

O primeiro videoclip do catálogo gravouse en Fene en 1991
11 de Outubro, 2018 - 11:32 h. | Publicada por Radio Fene

Presentase ás 20,30h no Ateneo ferrolán o catálogo con 106 pezas audiovisuais, feitas por realizadores da comarca a formacións da comarca. Videoclips a esgalla ofrece gravacións novas, conferencias e a exposición de fotos de Edu Pereira, de hoxe ao 26 de outubro.

ESCOITA O PODCAST:

Un fenés, o cineasta Alberto Alonso, é o comisario da 3ª Mostra de Videoclips a Esgalla do concello de Ferrol. El é quen recopilou ata 106 videoclips realizados por ferroláns, entendendo por tal, grupos e realizadores de toda a comarca. O formato do videoclip naceu en Inglaterra a finais dos anos 80. O primeiro traballo que aparece no catálogo de "Videoclips a esgalla" é de 1991. Foi realizado polo propio Alberto Alonso en Fene arredor do grupo Malpaso. O catálogo remata no 2018 cun traballo de Javi Camino, "Maneida-Alert".

Hoxe, dia 11 de outubro, preséntase Videoclips a esgalla ás 20.30h no Ateneo de Ferrol. Coincidindo co acto, inaugúrase unha exposición de fotografía de Edu Pereira sobre músicos e bandas. A 3ª Mostra de Videoclips inclúe diferentes actividades dende o día 11 ao 26 de outubro. Unha delas é a gravación de catro videoclips a músicos da comarca. Hoxe mesmo grávase o de María Manuela polas rúas de Ferrol. Chama a atención Alberto Alonso sobre que ela e Xoan Rubia non teñen videoclip a pesar das súas dilatadas carreiras.

As conferencias serán outro atractivo da Mostra. Sempre no cuartel xeneral do Ateneo ferrolán. Destacar o último día, o 26 de outubro a presencia en Ferrol do director do Festival de Cans, Alfonso Pato. Os DVDs que recopilan todos os traballos do catálogo realizado por Alberto Alonso co patrocinio do concello de Ferrol, 106 pezas de 47 formacións musicais e 60 realizadores, repártense gratuitamente no Ateneo dende hoxe mesmo. Poderán visionarse en diferentes bares da cidade durante estes quince dias. Pódese obter máis información sobre a Mostra de Videoclips Concello de Ferrol en Facebook.

Cultura

Publica o teu comentario agora