VIH e SIDA manteñen a súa tendencia á baixa

VIH e SIDA manteñen a súa tendencia á baixa

29 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O problema da infección por VIH e da enfermidade da SIDA segue a ser o diagnóstico tardío, para quen non sabe que padece a doenza e porque supón un risco para a sociedade en xeral. Segundo a doutora de medicina interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Ana Mariño, cada ano diagnostícanse 73 casos de SIDA por millón de habitantes.

O ano 1996 é un ano clave, o que marca o antes e o despois no tratamento do VIH e da SIDA. Os avances trouxeron tratamentos combinados, máis eficaces e máis doados de administrar. A enfermidade da SIDA é na actualidade e fundamentalmente unha doenza de transmisión sexual, segundo a doutora internista, Ana Mariño.
Para a especialista ferrolana os camiños a seguir pasan pola promoción do diagnóstico precoz do VIH, incluíndo esta proba nos chequeos habituais e perseguir que cada vez sexa máis doado tomar a medicación. Pero todo isto, insiste Mariño, dentro do sistema da sanidade pública.
O SIDA é a etapa avanzada da infección por VIH. O sistema inmunolóxico deteriorase e deixa de funcionar de xeito eficaz. O estar infectado co VIH significa que un estivo esposto ao virus, pero non é definitivo que vaia desenvolver a enfermidade. O vindeiro domingo 1 de decembro conmemórase o Dia Mundial da Loita contra a SIDA.

Sociedade