Vilalba pon en marcha o XXXV Certame Literario, dotado con 4.000 euros en premios

Vilalba pon en marcha o XXXV Certame Literario, dotado con 4.000 euros en premios

01 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Concello de Vilalba non fai oídos xordos ao talento literario e ás composicións poéticas. A Concellería de Cultura da vila chairega convocou as bases do seu XXXV Certame Literario co fin de estimular a creación entre os seus cidadáns.

Todos aqueles que desexen probar a súa valía como poetas poderano facer ata o vindeiro sábado 18 de xullo, data na que remata o prazo de admisión das composicións.

 

 

Os requisitos que deben cumprir serán que as obras sexan en lingua galega, orixinais e inéditas, e que non fosen premiadas noutros concursos e datas anteriores ao fallo do xurado, que estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e que se dará a coñecer o 25 de agosto. O tema, extensión e metro dos traballos serán libres.

 

Os autores deberán presentar 5 orixinais por cada obra en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo. Ademais, todos os traballos deben acompañarse dun sobre pechado ou plica facendo constar o lema que os distinga. No interior figurarán os datos persoais, enderezo e teléfono do autor ou  autora, así como unha biografía del, e unha declaración formal de que a obra é inédita.

 

Os dous mellores poemas terán un premio de 3.000 euros en metálico,  para o primeiro, e de 1.000 euros, para o segundo. A ambos daráselles tamén unha flor natural e un diploma.

 

Todos os traballos que concorran ao Certame serán dirixidos ao Concello de Vilalba, Praza da Constitución núm. 1 27800 Vilalba (Lugo), facendo constar, no exterior do sobre, “Para o Certame Literario”.

 

A entrega dos premios se efectuará nun acto solemne que terá lugar   durante a inauguración oficial das festas de San Ramón, o vindeiro 30 de agosto. Os premiados deberán asistir persoalmente ou mediante representante, en caso de que lles resultase imposible acudir.

 

O Concello de Vilalba reservarase, en exclusiva, o dereito de edición das obras premiadas e accésits durante o prazo máximo de  6 meses, contados dende o momento do fallo, sen pago adicional algún da propia contía do premio, constituíndo este a única e total remuneración.

Sociedade