Vilalba pon en marcha un obradoiro sobre igualdade na casa

Vilalba pon en marcha un obradoiro sobre igualdade na casa

17 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Concello de Vilalba, en colaboración co Servizo Galego de Igualdade, porá en marcha un Obradoiro de Supervivencia Doméstica para Adolescentes, dirixido a rapaces e rapazas de 11 a 17 anos, para o 30 de abril. Con esta formación preténdese inculcar nos mais novos unha cultura de igualdade nas tarefas e traballos da casa, ademais do respecto pola muller e a parella.

Segundo a Concellería de Benestar Social, Muller e Familia, “unha sociedade democrática, na que a igualdade sexa real e efectiva, non pode permitir que pesen sobre as mulleres as consecuencias da dobre xornada de traballo (na casa e fóra), como ata agora ven sucedendo”. Para tentar erradicar esta situación púxose en marcha esta actividade, que terá lugar o vindeiro 30 de abril, de 17 a 22 horas, no CEIP Mato Vizoso.

O Obradoiro consta de dúas partes. A teórica consistirá nunha presentación na que o alumnado opinará sobre os contidos aportados, para logo debater sobre os seus costumes sociais con respecto as tarefas domésticas, hábitos alimenticios, etc. A práctica, de tres horas de duración, terá lugar nunha cociña, na que os rapaces e as rapazas elaborarán un menú de tres pratos: primeiro, segundo e postre, coma se fosen adolescentes “parcialmente” emancipados, concienciándoos da dificultade de conciliar a vida familiar e laboral. Aquí traballarán en grupo, e encargarase cada un deles de organizar, elaborar, presentar, degustar, recoller e limpar cada unha das receitas propostas.

A inscrición é totalmente gratuíta e as persoas interesadas poden matricularse, de forma persoal, no Centro de Información ás Mulleres do Concello, ou ben no teléfono 982 52 30 32.

Sociedade