Vilas en flor

Vilas en flor
18 de Xuño, 2020 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fene acaba de presentar a súa solicitude para participar desde este ano no certame "Vilas en flor", que recompensa a nivel de todo o Estado as accións ambientais e de conservación en espazos públicos.

Reordenación das zonas verdes

Concello de Fene intensificou nos últimos días os labores de acondicionamento dos xardíns municipais e doutros espazos públicos do territorio. Durante o Estado de Alarma a maior parte dos recursos técnicos e humanos dedicáronse a tarefas de mantemento, prevención e hixiene, pero a área de Obras e Servizos retomou os traballos de conservación das áreas verdes, con dous obxectivos: eliminar plantas e árbores secas ou que supuñan un perigo e, por outra banda, preparar os lugares para unha completa reordenación con novas variedades e unha nova distribución. No parque liñal do Cádavo e tamén en San Valentín foi necesario cortar varios exemplares que comprometían a seguridade. Por outra banda, no barrio ribeirao cumpriu talar unha palmeira e retirar pés de camelias que practicamente tocaban nas fachadas dos primeiros andares e que, ademais, reducían considerablemente a entrada de luz nos baixos e nas vivendas inferiores. Noutros puntos do municipio, o persoal municipal -apoiado por un equipo externo- está levando a cabo un repaso xeral dos espazos consistente na limpeza de herbas ventureiras, no segado e no control do volume de vexetación, xunto coa revisión do estado de saúde de árbores, flores e outras plantas ornamentais. A intención de Obras e Servizos é facer unha especie de "reseteo" das zonas axardinadas para reordenalas todas de novo. Para iso eliminaranse especies secas ou difíciles de recuperar e incluso se planificarán plantacións novas que lle dean máis vigor e vistosidade á trama verde do municipio. O programa atende ao obxectivo de mellorar a imaxe xeral de todo o concello, pero tamén á finalidade de que os parques e xardíns cumpran coa súa misión de reservas ambientais e lugares que contribúan á mellora da calidade de vida da veciñanza.

Fene inscribiuse no certame "Vilas en flor"

Precisamente eses son dous dos aspectos que se valoran no certame anual "Vilas en flor" no que Fene acaba de inscribirse. Trátase dun movemento de ámbito internacional que recoñece as políticas ambientais e a aposta dos municipios por coidar os seus espazos públicos. Na iniciativa participan vilas e cidades de distintos países europeos, incluída España.  “Vilas en flor” funciona como un certame anual. Os concellos deben presentar a principios de ano unha carta de solicitude e despois, no mes de setembro, un xurado especializado audita sobre o terreo cada petición de acordo con tres parámetros: un vinculado á parte de biodiversidade e de xestión dos espazos verdes, outro sobre o medio ambiente -optimización de auga da rega, uso de fertilizante - e outro relacionado coa parte da concienciación cidadá.

En función da valoración deses parámetros, o concello recibe un galardón que pode ter de unha a cinco flores, nunha escala moi semellante á das estrelas dos hoteis. A entrega da distinción faise no transcurso dunha gala que se celebra habitualmente en novembro, aínda que este ano probablemente se adiante a outubro por mor da COVID-19.  En Galicia -onde hai xa 17 municipios participantes- é a Fundación Juana de Vega quen xestiona o movemento, en colaboración coa Axociación de Viveiristas do Noroeste e a Asociación de Emrpesas de Xardinaría. 

Fene aspira a entrar no circuíto internacional e a obter o maior número posible de distincións en forma de flor. Ademais, a Fundación Juana de Vega tamén pretende poñer en marcha un itinerario que recolla todos os municipios participantes, de maneira que o selo de "Vilas en flor" sexa tamén un elemento de atracción do turismo. 

(Na imaxe, detalle do parque do Río Cádavo- Fene)

Cultura

Publica o teu comentario agora