Vivencias de mulleres

A pediatra do Centro de Saúde de Fene, recén xubilada, participa na Mesa de mulleres traballadoras.
12 de Marzo, 2019 - 12:23 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene conmemora este mes o Día da Muller con teatro, cine, exposicións, lecturas e debates. A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanzou que os actos arrancan este venres co XVII Maratón de lectura “Fene lendo Mulleres” e a exposición “As mulleres alimentan o mundo” e unha mesa de experiencias coa participación de cinco mulleres fenesas de diferentes profesións. Os actos continuarán o venres 22 cun cinefórum e o venres 29 cunha obra de teatro.

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanzou esta mañá que o Concello conmemora ao longo do mes de marzo o Día Internacional da Muller e, amais dos obradoiros en centros educativos, a programación deseñada incluirá toda unha serie de actos como exposicións, obras de teatro, cine, lecturas e debates.

Así, este venres 15 de marzo a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé albergará, dende as 9 e ata as 14 horas, a XVII edición do Maratón de lectura “Fene Lendo Mulleres" As instalacións da Casa da Cultura serán tamén escenario da mostra “As Mulleres alimentan o mundo” sobre comercio xusto, que poderá visitarse nesa mesma xornada. A partir das 19 horas, o Concello celebrará unha mesa de experiencias e debate no mesmo escenario. Será baixo o lema “Mulleres Traballadoras. Vivencias” e nela tomarán a palabra a pediatra Josefa García Santiago; a traductora Olga Santiago Pérez; a panadeira Manuela Carneiro Fernández, a mediadora de seguros Amalia Botas Lamas e a matemática Erica Diz Pita.

A programación continuará os seguintes venres. O día 22, cunha sesión de cinefórum, proxectarase a curta “Tecido resistente: a silenciosa revolución das mulleres de Présaras" a partir das 19 hora no salón de actos da Casa da Cultura seguida dun coloquio coa súa directora,Marina Chiavegatto quen gañou o I Premio Luísa Villalta de Proyectos Culturales pola Igualdade convocado por la Diputación de A Coruña. (Na foto, o cartaz da curtametraxe).

Por último, o venres 29 a compañía Criando Malvas representará a peza “Mullerazas”, tamén no salón de actos da Casa da Cultura ás 18,30 horas,e igualmente terá lugar un coloquio.

Institucional

Publica o teu comentario agora