Vivo moito para dentro

Vivo moito para dentro
08 de Xuño, 2020 - 11:51 h. | Publicada por Radio Fene

A frase describe a maneira de ver a literatura de Esther Val, recente gañadora do I Certame de Poesía do concello de Cabanas coa obra "A perda"

ESCOITA O PODCAST:

Escribe desde pequeniña. Con altibaixos, segundo os vaivéns da vida, deixouno e retomouno. É unha lectora empedernida “A literatura para min é todo. Non sabería vivir sen un libro nas mans” Quen fala é Esther Val, que ven de gañar o I Certame de Poesía do concello de Cabanas na categoría adulta, co poema “A perda” que tivo a ben lernos en primicia no transcurso da entrevista. Un poema moi no seu estilo intimista, profundo onde priman os sentimentos e as emocións porque, segundo as súas palabras, á hora de escribir “O que me preocupa son as persoas por dentro, a psicoloxía humana. E dar voz ás mulleres que soen ser as miñas protagonistas”.

A querenza pola escritura levou a Esther Val a participar en diferentes obradoiros literarios. Durante varios anos formou parte do obradoiro municipal de Fene que impartía Eduardo Estévez e que a axudou moito para coñecer a poesía, porque realmente ela empezou con contos, relatos, historias… Esther Val tamén forma parte do colectivo poético Moraima que ofrece recitais de xeito altruista. Tamén é colaboradora de Radio Fene no programa Club de lectura. Preguntámoslle cando haberá un libro asinado por ela para comentar neste espazo radiofónico pero Val non está polo labor “ Dáme moito respecto. Pregúntome, que teño para aportar eu se hai marabillas por aí? Dáme pudor”.

Pero está feliz de ter acadado este premio de poesía do concello de Cabanas, onde por certo formaron parte do xurado nada menos que Eva Veiga ou Antonio M. Fraga. A Esther Val o que lle gusta realmente é escribir, o proceso de escribir faina feliz. Aínda así ten publicado poemas ou relatos en revistas dos obradoiros ou na rede onde tivo un blog e actualmente en Instagram onde tamén da renda solta á súa outra paixón artística, a fotografía.

Val é unha lectora de gustos particulares inclinados á novela psicolóxica pero tamén disfruta con “Pippi mediaslongas” se toca. O poema gañador do Certame de Poesía de Cabanas “A perda” escribiuno en pleno confinamento. Parabéns.

Cultura

Publica o teu comentario agora