Volve o ruído dos secadores

Volve o ruído dos secadores
04 de Maio, 2020 - 10:33 h. | Publicada por Radio Fene

As perruquerías póñense en marcha. A maioría abríu as súas portas esta mañá baixo as condicións de cita previa e atendendo á clientela de un en un.

A maioría das perruquerías xa se puxeron mans á obra esta mañá. Os secadores acenden motores para recuperar o tempo perdido. Algúns locais abrirán as portas mañá ou o mércores para preparar os locais nas condición sanitarias esixidas polo goberno e que en resumo empezan por establecer un sistema de cita previa. Cada perruqueira pode atender a unha única clienta. Non se poden habilitar zonas de espera no interior. Debe garantirse a separación física e se non é posible, instalar mostradores ou mamparas. As persoas maiores de 65 anos teñen un horario preferente de 10 a 12 e de 7 a 8 da tarde. Os materiais de protección individual terán que desbotarse despois de cada uso.

Esta mañá comprobamos que os comentarios que corrían durante a alarma sanitaria de que ía haber unha avalancha de xente necesitando amañar o pelo, era verdade. Por exemplo en Don Bob, perruquería mixta que se inaugurou na avenida do Concello de Fene o dia 9 de marzo e tivo que pechar o 13, xa estaba traballando ás 9,30 desta mañá despois de que o teléfono 881291003 soara sen parar desde que o goberno anunciou que hoxe podían abrir os salóns de peiteado. Tal é así que Diego Garcia xa ten a axenda de toda esta semana ocupada e máis o luns da próxima, en horario de mañá e tarde. No caso da perruquería de cabaleiros, As Tesoiras de Eva, ocorre o mesmo coa demanda, porque xa ten dadas citas no 981 34 45 65 para toda esta semana. No seu caso decidiu abrir só polas mañás durante esta semana para adaptarse á nova normativa. Desde o luns da semana que ven, xa traballará mañá e tarde. Silvia Novo é outro exemplo. Ela non abrirá ata o mércores porque necesita adaptar e hixienizar o seu local na Praza da Constitución de Fene. O caso é que o seu teléfono 981 342182 bota fume e neste momento a lista de agarda é de 90 persoas. As perruqueiras e perruqueiros están resignados á nova normativa pero contentos de poder volver a traballar aínda que os clientes teñan que acudir temporalmente de un en un.

 

Na imaxe, Diego García, de Don Bob)

Sociedade

Publica o teu comentario agora