Votouse en clave de país

Votouse en clave de país
13 de Xullo, 2020 - 11:53 h. | Publicada por Radio Fene

As dúas forzas vencedoras nas eleccións galegas foron o PP e BNG porque as dúas teñen en común un proxecto en clave de país, explica a profesora da UDC, Antía Pérez Caramés.

ESCOITA O PODCAST:

As dúas forzas vencedoras nestas eleccións foron, sen dúbida, o PP e o BNG porque teñen algo en común, no parecer da profesora da UDC Antía Pérez Caramés, “son quen de presentar un proxecto en clave de país. Son dúas forzas galegas con fonda implantación no territorio”. Quedou claro onte que a xente votou por forzas galegas e non por sucursais, afirma a profesora de socioloxía.

En referencia ao BNG, “o seu punto forte foi o liderado de Ana Pontón, cun discurso amable e unha excelente campaña”. Pola contra, no caso do PSOE, “ao candidato faltoulle carisma, non era tan coñecido e bótase en falla un proxecto en clave galega porque a súa campaña era a translación da acción do goberno de Madrid”. Para Antía Pérez Caramés, o voto do PSOE en Galicia está avellentado. Aos máis xoves ilusionoulles máis o BNG. A campaña si foi decisiva para aumentar a participación. Nos últimos catro días houbo moita xente de esquerdas que pensou “aquí pode haber partido”. O trunfo do PP en Galicia, lido en clave estatal ten que facer pensar. Casado ten que aprender das maneiras menos antipáticas de Feijoo e que non é necesario competir con Vox.

O reto do BNG será afianzar a figura de Pontón, pero sendo consciente de que só o BNG non chega. Deberá ir tecendo as posibles alianzas para que dentro e catro anos se vexa como unha alternativa. “O BNG captou un electorado moi heteroxéneo e ten que amoldarse a el para que non se lle marche”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora