Vou cantar o mel

Vou cantar o mel
15 de Abril, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Producto das abellas, espeso e viscoso, moi doce, con sabores que dependen das flores que liba cada colmea. A función do mel é ser o seu alimento.

Virxilio escribiu o seguinte: “ Vou cantar o mel, esa rosa do ar, ese doce agasallo dos ceos”.

O mel como alimento é tan antigo coma o home. Hai unha pintura rupestre nunha cova de Valencia á que chamaron “Os ladróns do mel”. É o documento gráfico máis antiguo da península Ibérica. Do mel atopamos tamén referencias nos libros sagrados dos Vedas, no Corán e na Biblia. Aristóteles cre que o mel cae do ceo cando saen as estrelas. A tradición romana da "lúa de mel" é a obriga da nai da moza romana de alimentar os acabados de casar a base de mel, polo menos unha lúa, para fortalecer a saúde e darlles valor. Para os cristiáns, a cera das abellas simboliza a pureza da carne de Cristo. Dende os mosteiros propiciáronse os cortizos, facía falta a cera para as candeas do culto. A Desamortización de Mendizábal fixeron decaer a apiculturaata que Benigno Ledo, “o crego das abellas” reinventa a arte facendo que medre a industria.

O mel foi o adozante universal ata que chega o azucre de cana, coñecido en Al-Andalus no século IX, un tesouro, afirma Fausto galdo, que non chega ao pobo ata o momento da producción masiva dos enxeños americanos. O mel úsase nos doces, como condimento para guisar carnes e peixes e como remedio do mal da gorxa e do peito, mesturado con limón ou con viño quente. Aparece mencionada nuns versos do Rig Veda no século XV a. C. pode que antes do cultivo do viño.

O hidromel é probablemente a bebida alcólica máis antiga que se coñece. Faise cunha parte de auga de chuvia e mediaparte de mel fermentado no ar, unha corentena de maduración librándoo dos restos de cera. Envellece ben nos bocois de carballo. Outra receita boa de facer é o leite callado con mel. Fervemos un litro de leite e, unha vez retirado do lume, engadímoslle un cuarto de litro de mel. Batemos ata que calle, arrefriamos e deixamos escorrer o soro. Pódese mesturar con froitas. E, para acabar, a cantiga popular: “Castañas asadas e viño con mel, a nosa señora detrás do tonel”.

Cultura

Publica o teu comentario agora