Xa cantou o cuco mentres estabamos confinados

Xa cantou o cuco mentres estabamos confinados
30 de Marzo, 2020 - 11:58 h. | Publicada por Radio Fene

As aves están máis tranquilas desde que non saímos de casa e fixámonos máis nelas desde que miramos a natureza polas fiestras e balcóns, recluídos como estamos polo coronavirus.

ESCOITA O PODCAST:

Xa canta o cuco por Galicia adiante. Ignorando a situación de alarma, o cuco chegou desde África e cantou xa polas comarcas do interior de Lugo e Ourense, anunciando a primavera. Á costa aínda non chegou porque non gosta da excesiva urbanización do litoral nen da abundancia de eucaliptos. Quen sabe disto é Antonio Sandoval, autor de libros como “Para qué sirvan las aves? Por aí precisamente empezamos a nosa conversa con el. Ten moitas respostas pero podemos quedar con esta tan bonita “para pensarnos voando”. Porque esta resposta lévanos a onde queríamos.

En pleno confinamento polo coronavirus, valoramos moito máis as fiestras porque son neste momento o noso contacto máis directo coa natureza. E dende as fiestras vense pasar os paxaros. Sen ir máis lonxe, Antonio Sandoval leva visto, desde a súa ventá dun piso no centro de A Coruña, nestas dúas semanas de confinamento, ata 27 especies diferentes de paxaros. Tamén recoñece que desde a rede xurdiron moitas iniciativas relacionadas coas aves, unha delas leva o título de “Aves desde casa”. Reparamos tamén en “Sonidos del monte” e outra que nos ofrece un ceo cheo de paxariños que cando pulsas enriba, canta cada un o seu piar.

"O noso confinamento inflúe na existencia das aves", opina Antonio Sandoval. Por un lado fixámonos máis nelas a través da ventá, sexa esta analóxica ou telemática, e por outro, o confinamento inflúe no comportamiento dos paxaros porque hai especies que están vivindo con maior tranquilidade, por exemplo as que aniñan nas praias hoxe totalmente baleiras. Hai outras que gozan de máis recursos, como as aves que se alimentan dos descartes da pesca.

Non hai mal que por ben non veña.

Sandoval amósase convencido de que esta situación especial que vivimos váinos concienciar máis sobre o disfrute da natureza. “ Xa estamos mirando ao ceo desde as fiestras, buscando elementos naturais que nos actíven as emocións”, afirma. “Os retos medioambientais deste século precisan dunha cidadanía concienciada” asegura o autor de “Un viaje en familia por la ruta de las aves” que desde neno sinte esa inclinación natural polos paxaros. Explícanos el mesmo que se trata dunha das moitas intelixencias coas que nacemos, para as matemáticas, para xogar ao balón ou para a música. A intelixencia naturalista é a que lle tocou a el que engade “cando a un neno o levas á natureza, non se esquece nunca”.

Antonio Sandoval é desde 2018 director da colección Lecturas al natural da editorial Kalandraka e membro do Observatorio Galego de Educación Ambiental. Foi vicepresidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía e na actualidade presideo Grupo Naturalista Hábitat de A Coruña. É coordenador do Grupo Ibérico de Aves Marinas da Sociedad Española de Ornitología. (Imaxe de arquivo de Antonio Sandoval en Radio Fene).

Cultura

Publica o teu comentario agora