Xa había cunchas de ameixa nos castros

Xa había cunchas de ameixa nos castros
27 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A ameixa é un molusco bivalvo propio da zona entre mareas das rias. Viven na area onde se mesturan a auga doce da ría e a do mar.

A ameixa é un molusco bivalvo propio da zona entre mareas das rias. Viven na area onde se mesturan a auga doce da ría e a do mar. As ameixas están en Galicia desde tempo inmemorial. Cunchas de ameixa atópanse nos vellos cuncheiros dos castros de toda a costa. Temos en Galicia varios tipos de ameixa: fina, babosa, rubia e bicuda. A oferta actual inclúe a xapónica que se da moi ben por estes lares.

Ameixas finas ou babosas, vivas e depuradas, sobre o xeo picado, abertas no momento cun coitelo e despegadas da cuncha, son un auténtico manxar. Permítense unha pingas de limón, máis sen abusar para non matar o sabor a mar. Acompáñese dun albariño frío e a gozar da cerimonia. As ameixas son un agasallo da natureza.

Ademais de crúas, pódense abrir no ferro quente ou plancha e na tixola. Antes facíanse na lata de facer as empanadas. Bótase unha pinga de aceite en el dourase un allo picado, bótanse as ameixas e, cando empezan a abrir, sácanse a unha fonte e vérquese por riba unhas pingas de zume de limón, como se fan en Ferrolterra. Será ese o segredo das ameixas á plancha do Muíño do vento? (Na imaxe, ameixas á plancha do Muíño do vento. Fene)

As ameixas son imprescindibles na sopa de marisco, cun pouco de picante e graos de arroz. Tamén se guisan de mil maneiras; á mariñeira, con fideos ou con chícharos. Os asturianos e aquí tamén cociñanas coas fabas. Na zona de Carril prepáranas de marabilla con arroces. Segundo Fausto Galdo, o seu amigo Pere Barceló di que deberan xantarse axeonllados, tal é a adoración. As ameixas de máis sona son as de Carril, na ría de Arousa. Tamén a ría do Burgo na Coruña foi un gran bancal de ameixas, onde sobreviven a pesar da contaminación da ría. As da ría de Ferrol non quedan atrás pero tamén están a vivir nun tira e afrouxa.

“Adeus, ameixas do Burgo

Adeus , ostras da pasaxe

A virxe de Pastoriza

Nos dea boa viaxe”.

A primeira receita do libro “Cocina Gallega” de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira son as “Ameixas á mariñeira á coruñesa”.

Lávase un quilo de ameixas e téñense en auga fría un bo anaco. Nunha tixola fritimos a cebola picada. Antes de estar dourada, engadímoslle por riba, sal, clavo, noz moscada, pementa e allo picado. Espolvoréase con dúas culleradas de fariña e deixase cocer ata que estea medio tostado. Bótase por riba dous vasos de auga, deixando que se forme unha papilla espesa. Cando ferva, engadese un vaso de viño branco, o zume de limón e loureiro. Cando comece a ferver ben, bótanse enriba as ameixas ata que abran. Hai quen para iso méteas ao forno. E bo proveito.

Cultura

Publica o teu comentario agora