Xaquín Marín: “Este premio é unha inxustiza”

Xaquín Marín: “Este premio é unha inxustiza”

29 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cunha mistura de ironía e de modestía respondeu Xaquín Marín, ao premio Osíxeno de Honra 2010, concedido pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, en recoñecemento ao seu compromiso co medio ambiente, coa lingua e coa cultura galega. O humorista gráfico, fundador da banda deseñada en Galicia e ex-director do Museo do Humor de Fene, califica o galardón como "unha inxustiza".

Nas demáis categorías, os premios desta edición de 2010 son:

Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do ano:

-Categoría individual: A Anxo Moure, o Carballo con Botas, atrapador de contos e abrazador de árbores, por concienciarnos sobre os valores da solidariedade, a xustiza e liberdade, usando a paz, a ecoloxía e a imaxinación como instrumentos.

-Categoría colectivo: aos concellos e comarcas galegas pola compostaxe, por teren apostado, fronte á sinrazón da incineración que promove SOGAMA, por outros xeitos máis solidarios e ecolóxicos de xestionar os residuos urbanos. Son máis de 33 os concellos que en Galiza realizan programas de compostaxe caseira ou comunitaria, ou xestionan os seus refugallos en sistemas mancomunados como a Serra do Barbanza ou o Morrazo. En representación de todos, persoalizamos o galardón no concello d'A Illa de Arousa, pioneiro en apostar por un modelo baseado integramente na compostaxe caseira e comunitaria.

Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel:

-Categoría individual: ao presidente e editor de "La Voz de Galicia" Santiago Rey Fernández-Latorre por ser o responsábel dunha liña editorial de desprezo á nosa lingua e colaborar na mentira da imposición. Unha liña que, malia ao bo traballo de moitos profesionais e iniciativas como "Voz Natura", teima en apoiar intereses e políticas lesivas para o noso ambiente: Ás continuas publirreportaxes e informacións sesgadas sobre Reganosa ou Touriñán, hai que engadir a minimización da dimensión e o silenciamento dos efectos dos lumes deste verán nos espazos protexidos (coincidindo cunha oportuna subvención cuase-nominativa de Medio Rural), a manipulación descarada das informacións encol do concurso eólico atendendo a criterios políticos, e a deturpación ou o silenciamento da voz do ecoloxismo organizado.

-Categoría colectivo: á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellaría do Medio Rural). No ano Internacional da Biodiversidade (2010), Galiza segue exactamente igual que hai dous anos: á cola en superficie e hábitats protexidos. Parón nos instrumentos de xestión (PORN, PRUX e Planos de Conservación) baleirados de orzamento, incumprimentos e retrasos nas convocatorias dos organismos consultivos, inoperancia e desleixo cos lumes nos espazos de alto valor natural, desmontaxe e privatización encoberta dos parques naturais, redución das axudas para a prevención e a compensación polos ataques do lobo, xeralización da "caza preventiva"... e como colofón, a recente negativa á criazón do Parque Natural no Monte Pindo solicitado por amplos sectores sociais, institucións, veciñanza e ecoloxistas.

Os premios, consistentes nunha escultura comemorativa e un diploma entregaranse no decurso dun acto público e un xantar de confraternización que celebraremos a finais do mes de xaneiro.

Cultura