As xestións ao longo do dia arredor das franxas horarias

As xestións arredor das franxas horarias
08 de Maio, 2020 - 07:14 h. | Publicada por Radio Fene

A Xunta de Galicia ainda non concretou de xeito oficial o alcance da nova interpretación sobre as localidades nas que se pode realizar os paseos e saidas do domicilio sen atender ás franxas horarias recomendadas. Ata que haxa unha comunicación oficial nese sentido, o Concello de Fene recomenda manter as saídas nas franxas horarias permitidas para cada grupo de poboación. 

A Consellaría da Presidencia da Xunta de Galicia anunciou onte o levantamento das franxas horarias para a actividade física ao aire libre naqueles “núcleos separados” con menos de 5.000 habitantes, despois de que o Estado aceptase as saídas en ámbitos territoriais inferiores ao do municipio. Tamén onte á tarde, e de cara á aplicación práctica deste cambio, o Executivo autonómico recibiu a encarga da Delegación do Goberno de delimitar en que lugares se poderá aplicar a medida e tamén a indicación de que fose o propio Executivo autonómico  quen llelo comunicase aos concellos afectados, tal e como se recolle nesta información publicada na web da Delegación do Goberno en Galicia. 

Segundo un comunicado da alcaldía, o levantamento das restricións non se publicou polo momento nin no BOE nin no DOG, senón que se soubo del por dúas notas de prensa imprecisas e polo que saiu nos medios de comunicación, principalmente xornais dixitais que incluíron nas súas informacións  “buscadores de núcleos” que devolven datos de poboación pero non da proximidade entre eles.  Incluso a Xunta publicou hoxe á tarde no portal Eido Local a mesma información de onte -incluida a mención expresa a "núcleos separados"- acompañada dun listado de concellos e parroquias que cumprirían cos criterios poboacionais para erguer as restricións horarias.

 

A situación coa que se atopa Fene, e pola que se solicitou a aclaración da Xunta, é que no centro do municipio hai tres núcleos limítrofes (Fene, Perlío e San Valentín)  que non sobrepasan individualmente os 3.700 habitantes pero que, en conxunto, conforman unha trama urbana única que sobrepasa amplamente os 8.000.

Dada a seriedade da situación, e coa responsabilidade que debe presidir a acción de calquera Administración pública, o Concello de Fene intentou durante toda a xornada de hoxe obter da Xunta instrucións precisas sobre como actuar e, sobre todo, unha aclaración ao respecto de como considerar os tres núcleos do centro urbano: ben de forma individual -co que se eliminarían as franxas horarias- ou ben en conxunto, o que significaría seguilas mantendo.

Nin a Vicepresidencia da Xunta (a través da DX de Administración local) nin a Delegación do Goberno nos deron  unha resposta concreta no momento de redactar esta información (18.30h.), a pesar de que Alberto Núñez Feijoo anunciou onte á tardiña que o levantamento das restricións horarias se adoptaría desde hoxe venres. Tampouco a información de Eido local publicada hoxe á tarde vén precisar se os núcleos limítrofes deben considerarse como un todo ou por separado.

Cómpre lembrar que estamos falando de cuestións relacionadas coa saúde pública e co control dunha pandemia para as que o Concello debe aplicar as directrices das autoridades competentes, neste caso a Xunta e o Estado. Sería unha irresponsabilidade por parte de calquera Administración local actuar de forma unilateral ou aplicar o contido de informacións oficiosas ou imprecisas que pode non ser o máis adecuado para a prevención de contaxios. 

 

Por este motivo, o Concello de Fene continuará esixindo das autoridades competentes claridade, concisión e información cursada a través dos cauces oficiais para poder actuar en consecuencia.  Tan pronto como a Xunta ou a Delegación do Goberno -únicas autoridades competentes na materia- trasladen de maneira inequívoca as directrices que se han de seguir, o Concello comunicarallas á veciñanza a través da web fene.gal e das redes sociais. 

 

Neste sentido recoméndaselle á poboación de todo o municipio que siga actuando coa responsabilidade que veu mostrando até agora e, mentres non se dispoña de información oficial suficientemente clara ao respecto, que siga cumprindo coas franxas horarias en que están autorizados o paseo e a actividade física ao aire libre.

Institucional

Publica o teu comentario agora